Inicio Carballo ao día Hemeroteca O vicepresidente da Xunta pon como exemplo o...

O vicepresidente da Xunta pon como exemplo o labor de Protección Civil de Carballo durante a pandemia

Alfonso Rueda visitou a base da agrupación municipal acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, e outros membros da corporación

Mércores 28 de outubro do 2020 Carballo ao día

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, achegouse hoxe ata Carballo para exemplificar na nosa agrupación o labor desenvolvido por Protección Civil durante a pandemia. “Queremos poñer en valor o labor que fan as miles de persoas que forman parte das 230 agrupacións que hai en Galicia, e que están sempre aí cando son necesarias, e, neste ano tan complicado, a agrupación de Carballo realizou 650 intervencións de todo tipo relacionadas con esta pandemia”, sinalou.

Protección Civil de Carballo leva realizadas máis de 650 intervencións de todo tipo relacionadas coa pandemia do coronavirus

Alfonso Rueda estivo acompañado polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e outros membros da corporación, así como polo delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor; o coordinador do Servizo Municipal de Protección Civil, Javier Souto, e o presidente da Agrupación de Voluntarios, Luis Barca, que fixo de guía nun percorrido polas instalacións e ofreceu todo tipo de explicacións sobre o equipamento co que conta o servizo. Ao vicepresidente chamoulle especialmente a atención o camión adquirido o ano pasado polo Concello de Carballo cun investimento de máis de 200.000 euros, un dos motivos polos que destacou que Carballo “é un dos concellos de Galicia que máis se implica co seu servizo de emerxencias”.

Evencio Ferrero, pola súa banda, destacou o importante labor desenvolvido por Protección Civil nos últimos meses. “Durante o confinamento repartiu alimentos, máscaras, material escolar, vales para usuarios de comedores escolares, fixo visitas a persoas que vivían soas... Un traballo intenso que se realizou con moita responsabilidade e moita profesionalidade”, subliñou.

O alcalde aludiu á “necesaria colaboración entre as dúas administracións, Xunta e Concello”, e asegurou que por parte municipal non se escatimarán esforzos para dotar á agrupación dos medios necesarios. Nese sentido, ademais de agradecer a visita de Alfonso Rueda, expresou o seu desexo de que sirva para “seguir reforzando os servizos de Protección Civil, que tan boa valoración teñen por parte da cidadanía”.



Galería

Compartir: