Inicio Carballo ao día Hemeroteca As obras de aglomerado que están en marcha...

As obras de aglomerado que están en marcha no noso concello supoñen case un millón de euros de investimento

Aos proxectos financiados polo Concello de Carballo na rede viaria municipal súmase o que está a executar a Deputación na vía provincial da Feira de Berdillo ao Moucho

Martes 3 de novembro do 2020 Carballo ao día

Evencio Ferrero e Luis Lamas, na estrada do Xamozo a Santa María

Evencio Ferrero e Luis Lamas, na estrada do Xamozo a Santa María

Nestes momentos están en marcha no noso concello cinco proxectos de aglomerado de vías que están consideradas estruturantes porque unen parroquias ou núcleos rurais importantes, catro deles financiados polo Concello de Carballo e o outro pola Deputación. O investimento total aproxímase ao millón de euros.

As actuacións son as seguintes:

• Paradela-Prearada (Sofán)

A renovada vía de Paradela a Prearada ten agora unha anchura media de 5,5 metros, o que supón que a ampliación foi de ata un metro nalgúns puntos. A actuación desenvolveuse ata o límite co municipio da Laracha, e só está pendente da sinalización horizontal e vertical.

• Xoane-Piñeiro (Goiáns)

Entre os dous núcleos principais da parroquia de Goiáns tamén están rematadas as obras, aínda que, como no caso anterior, pendentes da sinalización. O proxecto permitiu regularizar o firme da vía e dotala dun ancho mínimo de 5,5 metros.

• A Canosa-Pereiro Vello (Rus-Entrecruces)

Neste caso, as obras veñen de ser adxudicadas á empresa Arias Infraestructuras por 238.992,77 euros. Os traballos consistirán na regularización de anchos da vía, que pasará a ter 6 metros de media, e no estendido dunha nova capa de rodaxe con aglomerado. Así mesmo, o proxecto inclúe a instalación da rede de abastecemento de auga aos lugares da Canosa, Braña de Abaixo e Braña e Arriba.

• Xamozo-Santa María (Artes-Ardaña)

A vía ten agora unha anchura media de 6 metros ao longo dos máis de tres quilómetros que unen as parroquias de Artes e Ardaña, polos que circula a diario o transporte escolar. O proxecto incluíu tamén a dotación de rede de augas pluviais nun treito de 70 metros, drenaxe e estendido dunha capa de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor, ademais do recrecido das tapas dos pozos, arquetas e sumidoiros, en execución nestes momentos. Tamén está pendente a sinalización horizontal e vertical.

• Feira de Berdillo-O Moucho (Artes-Berdillo)

Nas obras de Berdillo

Nas obras de Berdillo

Pola súa banda, a Deputación da Coruña ten en marcha nestes momentos as obras de renovación do firme e mellora da seguridade viaria dos primeiros 2,5 quilómetros da estrada provincial DP-1904, da Feira de Berdillo ao Moucho. As obras foron adxudicadas á empresa GR Construcciones por 195.479,05 euros e teñen un prazo de execución de catro meses. Agora mesmo están en marcha os traballos de pavimentación do tramo con mestura asfáltica en quente de 6 cm de espesor en todo o ancho da calzada. O proxecto inclúe ademais o pintado da estrada e a renovación da sinalización vertical e horizontal.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron hoxe un percorrido polas dúas últimas.

Compartir: