Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo completa a...

O Concello de Carballo completa a adxudicación dos contratos que integran o servizo integral de mantemento da rede viaria

A Xunta de Goberno Local adxudicou hoxe os servizos de roza de espazos urbanos e de uso público, por un lado, e de vías municipais en todas as parroquias, por outro

Luns 23 de novembro do 2020

Os contratos de roza inclúen rede viaria e espazos públicos de todo o concello

Os contratos de roza inclúen rede viaria e espazos públicos de todo o concello

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión de hoxe a adxudicación dos dous contratos de roza, un para espazos urbanos e de uso público e outro para vías municipais en todas as parroquias.

Dos primeiros encargarase a empresa de José Luis Campos Campos, de Artes, por un importe máximo de 240.012,5 euros para os cinco anos de duración máxima do contrato (1+4 prórrogas). O prezo está calculado para un total de 300 horas de traballo manual e 1.251,5 horas de traballo mecánico, que o adxudicatario comprométese a incrementar en 30 e 125 horas, respectivamente. As zonas incluídas na roza son o paseo fluvial do Anllóns e parcelas anexas, a contorna do cemiterio municipal, os aparcamentos das praias, o circuíto do motor, a Ruta das Férvedas, zonas verdes, vías e parcelas do polígono industrial de Bértoa, parcelas urbanas municipais, campos da festa de todas as parroquias e baldíos en solo rústico.

En canto á roza de vías, despois da renuncia da empresa Destramedia Ibérica, a Xunta de Goberno Local aceptou a proposta da Mesa de Contratación para adxudicar o servizo á segunda con maior puntuación, Jardincelas, por un prezo máximo de 359.792,05 euros para os cinco anos de tope do contrato (1+4 prórrogas). Os traballos servirán para reforzar o servizo dos tractores municipais e para axilizar as tarefas de roza en 270,5 quilómetros de vías, tanto mecánico coma manual nas zonas precisas, coma nas contornas de postes, báculos de luminarias, contedores de lixo ou calquera outro elemento singular, así coma nos treitos nos que non sexa posible usar medios mecánicos.

Con estes novos contratos completarase o servizo integral de mantemento da rede viaria municipal, que tamén inclúe dous contratos de conservación, mantemento e reparación de vías públicas, tanto rurais coma urbanas, adxudicados á empresa Construcciones López Cao por un total de 1.560.108 euros (65,5% na zona rural e o 34,5% na urbana) para un máximo de cinco anos, e outro de conservación, mantemento, reposición e traballos de sinalización horizontal e vertical na rede viaria, que foi adxudicado á empresa SACYR por 291.380 euros para cinco anos.

Compartir: