Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado un convenio entre Augas de Galicia e o...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado un convenio entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo para reducir o risco de inundación do río Anllóns

O acordo inclúe o derrubo dun edificio na rúa Sol e as reformas do parque do San Martiño e da ponte da Casilla, entre outras actuacións, cun investimento de 3 millóns de euros

Martes 8 de decembro do 2020 Carballo ao día

A demolición deste edificio é un compromiso pendente dende hai anos

A demolición deste edificio é un compromiso pendente dende hai anos

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns, fóra da orde do día, un convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo para reducir o risco de inundación na ARPSI (área con risco potencial significativo de inundación) do río Anllóns. O acordo establece unha serie de actuacións que serán co-financiadas nun 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), entre as cales considéranse prioritarias as seguintes:

  • Demolición de edificación, reforma da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol.
  • Reforma integral do parque do San Martiño. Construcións de motas de protección fronte ás avenidas.
  • Reforma da ponte da Casilla, da canle e motas de contención augas abaixo da ponte.
  • Mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552, na Cepeira (Sísamo).
  • Realización dun bypass no Muíño do Quinto.

Esta última actuación xa está en marcha. De feito, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, á que está adscrita o ente autónomo de Augas de Galicia, adxudicou hai un mes a redacción do proxecto construtivo á empresa Aquática Ingeniería Civil, S.L., por un importe de 18.000 euros e un prazo de execución de 6 semanas. O bxectivo é a creación dunha canle de desaugadoiro do río na zona do Muíño do Quinto que actúe como bypass cando o caudal medre en época de enchentes. Ademais, inclúese a restitución da senda peonil existente na marxe esquerda do río e a instalación dunha pasarela peonil de madeira que cruzará sobre a canle de desaugadoiro para entroncar coa senda.

Todas estas actuacións forman parte do Plan específico de xestión do risco de Inundación (PEGRI) na área fluvial do Anllóns, redactado por Augas de Galicia, que define as medidas de prevención e preparación ante inundacións, as medidas de protección e medidas de recuperación e revisión tras producirse un episodio destas características.

Mediante o convenio aprobado este luns, Augas de Galicia comprométese a executar, controlar e financiar as obras precisas; mentres que o Concello de Carballo debe achegar os terreos, xestionar as licenzas e facerse cargo do mantemento posterior das obras que pola súa natureza sexan susceptibles de recepción por parte da Administración local. O orzamento das actuacións está estimado en tres millóns de euros, que se investirán en tres anualidades: 280.000 no 2021; 1.360.000, no 2022, e 1.360.000, no 2023.

Compartir: