Inicio Carballo ao día Hemeroteca Iniciado o proceso de contratación do...

Iniciado o proceso de contratación do primeiro paquete de obras financiadas co remanente por 1.400.000 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente o proxecto de expropiación de terreos para a execución da rotonda prevista no PXOM na zona da Revolta

Martes 8 de decembro do 2020 Carballo ao día

Antiga Escola de Arrabais, que será reconvertida en centro social

Antiga Escola de Arrabais, que será reconvertida en centro social

A Xunta de Goberno Local puxo en marcha na sesión ordinaria celebrada este luns os procedementos de contratación de cinco dos trece proxectos que se financiarán con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais e que suman 1.404.434,15 euros. Son estes:

  • Accesibilidade en beirarrúas da zona A Milagrosa e a Avenida Ponte da Pedra: 216.519,94 euros
  • Rede de saneamento e abastecemento de auga aos lugares de Leboreo, Requeixo e A Rega, na parroquia de Bértoa: 368.311,59
  • Rede de saneamento e abastecemento de auga en Cambre de Lema e Cambrelle-Razo: 416.971,86
  • Reforma do centro social do barrio da Milagrosa: 147.317,86
  • Substitución de cuberta e revestimento da fachada do pavillón deportivo “Carballo Calero”: 255.312,90

O obxectivo do goberno local é axilizar a tramitación tanto destas cinco primeiras coma das oito restantes actuacións que se financiarán co remanente, xa que deben estar rematadas a 31 de decembro do ano 2021. A necesidade de cumprir este prazo influíu á hora de escoller os proxectos, xa que deben ter un prazo de execución viable nese período de tempo.

En materia de contratación tamén se decidiu iniciar os expedientes correspondentes a dous servizos de asistencia técnica para a inspección e auditoría dos contratos de xestión do ciclo integral da auga, por un importe anual de 29.731,13 euros, e do servizo de recollida de lixo, transporte, punto limpo e canceira municipal, por 11.751,76 euros ao ano. Ademais foi aprobada a prórroga por un ano do contrato de deseño, subministro e iluminación do alumeado ornamental.

Desenvolvemento do PXOM

Na sesión deste luns tamén foron aprobados de maneira inicial o proxecto de estatutos e bases de actuación para constituír a xunta de compensación da área de reparto do sector S-I4 Calvo do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e o proxecto de expropiación de terreos polo procedemento de taxación conxunta para a construción dunha rotonda na avenida da Revolta, prevista tamén no PXOM.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local autorizou o pago de facturas por un total de 58.383,26 euros. Ademais foi aprobado un convenio coa agrupación Un Paso Máis para o financiamento de actividades inclusivas cunha achega de 3.000 euros. Devolución de avais, xestións relacionadas con vaos de aparcamento, licenzas urbanísticas, o convenio con Augas de Galicia para a redución do risco de inundacións no río Anllóns e a programación cultural do Nadal completaron a sesión.

Compartir: