Inicio Carballo ao día Novas Aprobado por unanimidade o plan provincial POS+,...

PLENO ORDINARIO

Aprobado por unanimidade o plan provincial POS+, que este ano inclúe unha partida para gasto social

A moción do PP sobre as axudas á hostalaría quedou sobre a mesa á espera do acordo que se adopte este mércores a nivel galego

Martes 26 de xaneiro do 2021

O pleno celebrouse de xeito telemático

O pleno celebrouse de xeito telemático

A corporación municipal aprobou no pleno ordinario de xaneiro, por unanimidade, o plan provincial POS+2021, que no caso do concello de Carballo acada os 1.413.303,15 euros. Como en exercicios anteriores, aproximadamente a metade dese importe destinarase a gasto corrente, o que permite liberar os fondos municipais correspondentes para outro tipo de investimentos, e axilizar deste xeito os procesos de contratación e a execución das obras. Coa outra parte acometeremos este ano unha única obra: o abastecemento de auga dende o Igrexario de Lema ata Pedra do Sal, completando deste xeito a canalización principal da costa. Este proxecto acada os 687.472,26 euros, dos que o Concello de Carballo terá que achegar 60.530,93.

Seguindo as indicacións da Deputación da Coruña, o goberno municipal presentou tamén as súas propostas para o Plan Complementario, que na súa maior parte tamén están relacionadas co ciclo integral da auga, e que son as seguintes:

  • Melloras na rede de abastecemento de auga de distintas rúas da zona urbana, co obxectivo de aumentar a eficiencia do servizo, evitar fugas e seguir eliminando tubaxes de fibrocemento: 169.192,22 euros.
  • Conexión dos depósitos das dúas captacións de auga no Bardoso e no Anllóns para que, no caso de que se produza algunha incidencia, poidan separarse as redes e funcionar independentemente: 145.158,91 euros.
  • Redes de saneamento e abastecemento a Vila de Uz (Oza): 230.194,51 euros.
  • Conservación de vías nos Vilares (Sísamo): 232.168,15 euros.

Gasto social

Por primeira vez, a Deputación da Coruña tamén elaborou un plan adicional para o financiamento de gastos sociais extraordinarios. “A situación de pandemia -explicou o alcalde- obriga a asumir custes con fondos que antes ían para outros fins, porque hai que atender as necesidades das persoas, e hai moitas”. Evencio Ferrero agradeceu neste sentido o apoio da institución provincial, que neste caso contribuirá ao financiamento do servizo de axuda no fogar. O Concello de Carballo destina ao SAF unha cantidade anual de 1.339.318,86 euros. A Xunta de Galicia achega 851.274,79 euros, e agora a Deputación financiará 384.932,35 euros, o que permite reducir a contía que debe poñer o Concello de Carballo a 103.111,72 euros. A proposta foi aprobada tamén por unanimidade.

Moción do PP

Fóra da orde do día presentouse por parte do PP, que contou con tres dos seus catro concelleiros na sesión debido á ausencia de Rubén Lorenzo, unha moción relacionada coa creación dun fondo de axuda para a hostalaría. A proposta quedou sobre a mesa despois de que o concelleiro de Promoción Económica e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, explicase que por parte de Xunta, deputacións e Fegamp estase a negociar co sector a fórmula máis axeitada para compensar as perdas derivadas da crise sanitaria, e que está previsto acadar un consenso este mesmo mércores.

No apartado de rogos e preguntas, Terra Galega interesouse por varias cuestións relacionadas coa Policía Local, a COVID-19 ou a actividade de Promoción Económica, entre outras.

Compartir: