Inicio Carballo ao día Novas Máxima preocupación da...

Máxima preocupación da comisión de seguimento da COVID-19 polo gromo da residencia DomusVI, que supera os 20 falecementos

Evencio Ferrero informou aos membros da comisión da solicitude dun cribado xeral que realizou ao Sergas

Xoves 4 de febreiro do 2021

A comisión de seguimento da COVID-19 reuniuse no salón de plenos

A comisión de seguimento da COVID-19 reuniuse no salón de plenos

A comisión de seguimento da COVID-19 abordou hoxe dúas cuestións fundamentais: por unha banda, a evolución sanitaria no concello, con especial preocupación polo gromo da residencia DomusVi, e, por outra, o cumprimento por parte da poboación das restricións vixentes nestes momentos.

En canto á primeira cuestión, o alcalde deu conta dos datos que se trasladan a diario ao Concello dende o Sergas, e segundo os cales a día de hoxe hai 367 casos activos. Despois de acadar o pico máximo con 400 casos activos o sábado pasado, a situación semella empezar a mellorar, pero continúa sendo moi preocupante. Evencio Ferrero referiuse especialmente á residencia de maiores, na que xa se rexistraron xa máis de vinte falecementos e aínda hai máis de cen persoas afectadas pola COVID-19.

Despois dos cribados sectoriais realizados, o último deles esta mesma semana, o alcalde informou de que xa se ten solicitado tamén á xerencia da Área Sanitaria A Coruña-Cee un cribado xeral no noso concello. Evencio Ferrero considera que sería importante realizar probas masivas, como se está a facer noutros concellos por parte do Sergas, dada a elevada incidencia da COVID-19 en Carballo. Sen embargo, á hora de calcular a incidencia acumulada nos últimos 14 días, Sanidade non ten en conta os casos da residencia de maiores.

En canto ao outro tema central da xuntanza de hoxe, tanto a Garda Civil coma a Policía Local indicaron que se están a realizar controis diarios do cumprimento das restricións vixentes por parte da poboación. Os principais incumprimentos que se están detectando están relacionados cos peches perimetrais, un motivo polo que a Policía Local leva tramitado nos últimos días un total de 51 denuncias. En canto aos horarios de peche e ao toque de queda, por parte das forzas de seguridade destacouse que o comportamento da cidadanía é exemplar “agás en casos contados”.

Salvo que a situación aconselle realizar unha xuntanza con anterioridade, a comisión de seguimento da COVID-19 volverá a reunirse o 18 de febreiro, xusto un día despois do prazo fixado en principio por parte da Xunta de Galicia para manter vixentes as actuais restricións.

Compartir: