Inicio Carballo ao día Novas Carballo únese ao reto da campaña...

APÚNTASTE?

Carballo únese ao reto da campaña “Recicla, supérate” para aumentar un 10% os residuos no contedor amarelo

O concello que mellores resultados consiga dos 15 participantes recibirá 2.000 euros para destinar a unha causa social

Xoves 11 de febreiro do 2021

Evencio Ferrero e Luis Lamas visitaron o punto de información

Evencio Ferrero e Luis Lamas visitaron o punto de información

Carballo é un dos 15 concellos galegos que participa este ano na campaña “Recicla, supérate. Únete ao reto”, unha iniciativa conxunta da Xunta de Galicia e Ecoembes que ten como finalidade fomentar a reciclaxe de envases lixeiros a través da sensibilización cidadá e de accións de impacto na rúa.

A primeira desas accións levouse a cabo hoxe, coincidindo coa celebración do mercado, mediante a instalación dun gran contedor que serve como punto de información á veciñanza. Ata el achegáronse o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, que se interesaron polo desenvolvemento da campaña e recibiron, como o resto dos visitantes, unhas pulseiras co lema da iniciativa.

A campaña ten unha duración de tres meses, ao longo dos cales se repetirán as accións de rúa durante os mercados dos xoves. O obxectivo é que neste prazo se incremente polo menos nun 10% a porcentaxe de achegas ao contedor amarelo en comparación co mesmo período do ano anterior. Se acadamos ese reto, recibiremos como recompensa 2.000 euros para destinar a unha causa social.

Para conseguilo precisamos a vosa axuda! É moi importante que realicemos unha correcta separación dos residuos nos nosos fogares e que depositemos todos os envases de plástico, latas e bricks nos colectores amarelos. Tamén o comercio pode colaborar colocando nos escaparates os adhesivos que hoxe empezou a repartir o persoal da campaña, que estará á vosa disposición de novo o vindeiro xoves para aclarar todas as dúbidas que teñades sobre o colector amarelo.

Compartir: