Inicio Carballo ao día Novas A comisión de seguimento da COVID-19...

A comisión de seguimento da COVID-19 decide reabrir os parques e as instalacións deportivas ao aire libre

Comezou cunha alta porcentaxe de asistencia o cribado organizado polo Sergas para a poboación de entre 55 e 65 anos

Xoves 18 de febreiro do 2021

O alcalde achegouse ata o centro de saúde

O alcalde achegouse ata o centro de saúde

Hoxe mesmo empezarán a reabrirse os parques infantís e as instalacións deportivas ao aire libre, que permanecían pechadas dende o 28 de xaneiro coincidindo coas cifras máis altas de contaxios no noso concello. Aínda que os casos activos continúan sendo elevados, xa que hoxe o Sergas comunicou 267, son 133 menos dende que se alcanzou o pico de 400.

A reapertura dos parques foi unha das decisións adoptadas pola comisión de seguimento da COVID-19 na xuntanza celebrada esta mañá. Como é habitual, o alcalde, Evencio Ferrero, abriu a sesión informando sobre a incidencia do coronavirus no noso concello e sobre a decisión do Sergas de realizar, dende hoxe mesmo ata o domingo, un cribado entre a poboación de 55 a 65 anos.

Tamén se realizou unha breve exposición do decreto e da orde publicados pola Xunta esta mesma semana, e deuse conta da decisión do goberno municipal de seguir mantendo feiras e mercados, ademais do cambio de horario do Mercado Municipal, que xa dende onte volve a abrir pola mañá e pola tarde, en xornada partida. Así mesmo, analizáronse as novidades en materia cultural e deportiva, con especial referencia á volta das competicións deportivas autonómicas a partir da categoría alevín.

Xuntanza da comisión de seguimento

Xuntanza da comisión de seguimento

Por parte das forzas de seguridade fíxose balance do cumprimento das medidas de prevención vixentes. O xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, manifestou que “a inmensa maioría da poboación cumpre”. Pero hai excepcións, sobre todo relativas aos peches perimetrais. A Policía Local está a realizar tres controis diarios nas zonas máis concorridas, e no que vai de ano xa se levan tramitado 120 sancións por incumprimentos das normas COVID, case a metade que en todo o ano pasado. A maiores figuran as denuncias realizadas pola Garda Civil, que, segundo apuntou o seu representante na xuntanza, tamén realiza controis diarios.

Finalmente deuse conta da convocatoria para o día 28 dunha manifestación por parte do sector da hostalaría de Costa da Morte que rematará no noso concello. Así mesmo, para o 8 de marzo está prevista tamén unha marcha pola zona urbana organizada pola CIG. En ámbolos casos serán as forzas de seguridade as encargadas de velar polo cumprimento das normas e das condicións establecidas pola Subdelegación do Goberno.

A comisión de seguimento da COVID-19 fixará a data da próxima reunión en función da evolución da pandemia. Despois da sesión de hoxe, o alcalde achegouse ata o centro de saúde para interesarse polo desenvolvemento da primeira xornada do cribado, no que están a colaborar a Policía Local e Protección Civil organizando o acceso e o aparcamento.

Compartir: