Inicio Carballo ao día Novas O irmanamento de Carballo e LIsle Jourdain...

O irmanamento de Carballo e LIsle Jourdain favorece o intercambio entre alumnos de ámbalas dúas vilas

Luns 15 de marzo do 2021 Cultura

O director e o subdirector do colexio francés, xunto á exposición (Foto: Y Sénécal)

O director e o subdirector do colexio francés, xunto á exposición (Foto: Y Sénécal)

Dende o pasado mes de decembro, 110 alumnos do Collège Françoise Héritier de L´Isle Jourdain e 80 alumnos do IES Parga Pondal de Carballo iniciaron un intercambio na distancia a través de tarxetas de Nadal, grazas á iniciativa dos comités de irmanamento das dúas localidades.

Mentres agardan poder vir a Carballo para visitar a pé o proxecto de arte urbana “Derrubando muros con pintura”, os alumnos lilois traballan de forma virtual en colaboración cos alumnos carballeses as súas competencias lingüísticas.

Ata o vindeiro 19 de abril as rúas de Carballo estarán presentes no Collège Françoise Héritier a través da Exposición “Derrubando muros con pintura”. As obras “O Carballo”, como primeiro muro do proxecto, e  “Carapuchiña Feroz” estanse a usar como material didáctico. A visita á exposición é guiada e os rapaces e rapazas participan activamente facendo preguntas en español sobre todas as obras deste museo ao aire libre.

Así mesmo, continúan os encontros virtuais dous sábados ao mes as 10:30 para falar en francés ou español sobre temas de actualidade. A próxima videoconferencia terá lugar o sábado 20 de marzo para opinar sobre a moda, que tamén funciona como signo de identidade. Para máis información os interesados en participar poden contactar coa Asociación de Irmanamento no correo electrónico: info@carballo-lisle.org

Compartir: