Inicio Carballo ao día Novas Aprobadas en Xunta de Goberno Local as licenzas...

Aprobadas en Xunta de Goberno Local as licenzas para unha nova nave no polígono de Bértoa e para un hotel en Rebordelos

Adxudicadas as obras de construción da senda ciclo-peonil que enlazara o polígono coa estrada de Razo, incluída no proxecto Cicl-Ando Carballo

Luns 15 de marzo do 2021

Polígono industrial de Bértoa

Polígono industrial de Bértoa

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria de hoxe varias licenzas urbanísticas, entre elas unha para a construción dunha nave para a comercialización de compoñentes agroindustriais no parque empresarial de Bértoa e outra para a rehabilitación dun conxunto de edificacións tradicionais para destinalas a uso hoteleiro no lugar de Vilar de Peres (Rebordelos). O orzamento de execución destes dous novos proxectos empresariais no noso concello supera os 600.000 euros.

En materia de contratación, a Xunta de Goberno aprobou os expedientes de contratación de varias obras e servizos:

  • Subministro e servizos de mantemento de ordenadores persoais e periféricos e adquisición de novos equipos durante un período de 4 anos, por un prezo total máximo de 213.403,52 euros.
  • Subministro da plataforma da Bolsa de Traballo do Concello de Carballo para o servizo de formación e promoción do emprego, cun orzamento de 69.893 para catro anos.
  • Obras de reforma do mercado municipal. Fase 2: instalación de ascensor, cun orzamento de 101.068,12 euros.

Por outra banda, hoxe foi adxudicada unha nova senda do proxecto Cicl-Ando Carballo, en concreto a que conectará o polígono de Bértoa coa estrada Carballo-Razo, que será executada por Construcciones Cernadas por 79.588,10 euros. Deste xeito, xa están en marcha sete das nove sendas ciclo-peonís previstas.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o pago de facturas por un importe total de 19.358,24 euros, a devolución de avais e fianzas, o abono de gratificacións por traballos realizados fóra da xornada de traballo, a organización e o programa de actividades do XXIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís e, fóra da orde do día, as bases reguladoras da convocatoria de bolsas dirixidas a deportistas individuais.

Compartir: