Inicio Carballo ao día Novas Do Día da Poesía ao Día da...

Do Día da Poesía ao Día da Árbore, unha semana de actividades para promover a cultura e o medio ambiente

Unha intervención artística nas rúas do pobo, un concurso de poesía e unha plantación de carballos son algunhas das propostas que abordaremos

Venres 19 de marzo do 2021

O 21 de marzo coinciden, entre outras efemérides, o Día Mundial da Poesía e do Día Forestal Mundial. Este ano celebraremos os dous, cunha semana de diferencia para que cada un poida ter o protagonismo que merece. Deste xeito, dende o 21 ata o 28 de marzo desenvolveranse diferentes actividades que reforzan o compromiso do Concello de Carballo coa promoción da cultura e do medio ambiente.

Na celebración do Día da Poesía contamos coa colaboración dos IES Monte Neme e Isidro Parga Pondal para que a poesía estea presente o domingo 21 nas redes sociais do Concello de Carballo, e tamén dos/as artistas locais Mon Lendoiro, Santi Picos, Cristina Castro e Isabel Soutullo para que, ademais de gozar dos poemas dun xeito virtual, poidamos facelo a pé de rúa, cunha serie de intervencións artísticas que se van levar a cabo en seis espazos urbanos: Praza dos Bombeiros Voluntarios, rúa Vila de Negreira, Biblioteca Rego da Balsa, rúa do Pan, rúa Vila de Noia e Praza do Concello.

Pero tamén queremos descubrir novos talentos literarios entre os/as máis novos/as, aos que ofrecemos a oportunidade de “publicar” na nosa conta de Instagram @carballomola. Se queres participar envíanos un poema e unha fotografía ou ilustración para acompañalo ao número de WhatsApp 604 072 887. Tes de prazo ata o día 28. Entre todos/as participantes sortearemos varios exemplares dos últimos libros de Rosalía Fernández Rial e Xurxo Chapela asinados polos seus autores.

Día Forestal Mundial

Arredor do Día Forestal Mundial ou Día da Árbore última vimos desenvolvendo dende hai tempo diferentes actividades encamiñadas á posta en valor dos nosos recursos forestais e á implicación da infancia no seu coidado. Para este ano estaba prevista unha plantación colectiva de “fillos” do carballo de Vilar de Francos, a nosa árbore senlleira e máis representativa, coas familias dos nenos e nenas nados ao longo do ano 2020; pero, dada a situación sanitaria, optamos por aprazala para o ano que vén, coa esperanza de poder reunir aos preto de 200 bebés que viñeron ao mundo o ano pasado no noso concello e ás súas familias, pero tamén aos que nazan ao longo deste ano.

A que si levaremos a cabo é outra actividade que a pandemia nos obrigou a adiar tamén. Coincidindo co Día Forestal Mundial do 2018, un grupo de nenos e nenas plantaron cadansúa landra nunha actividade que se desenvolveu no Horto Infantil Ecolóxico Municipal, ao que regresaron ao ano seguinte para recibir o título de madriñas e padriños dos carballiños nados desas landras. Agora xa están a punto para pasar das macetas á terra, e iso é o que farán nunha gran parcela do polígono de Bértoa un total de 48 nenos e nenas, que poderán ir acompañados como máximo por dous familiares, o vindeiro sábado 27. Haberá tres quendas, para evitar que os grupos sexan moi numerosos, e a plantación organizarase de tal xeito que se garanta o distanciamento entre as distintas familias.

O domingo 28, o Concello de Carballo tamén colaborará nas actividades organizadas pola Asociación Ambiental Senda Nova para conmemorar o Día Forestal Mundial, achegando un total de 50 carballos autóctonos que serán repartidos na feira.

Ligazóns

Compartir: