Inicio Carballo ao día Novas Xa son 567 as familias da zona rural de Carballo...

Xa son 567 as familias da zona rural de Carballo que están a participar no programa municipal de compostaxe doméstica

Vimos de entreagar os 25 últimos e seguimos recollendo solicitudes para un próximo reparto

Sábado 20 de marzo do 2021

Isolina Souto Fernández, veciña de Rus, recibiu o último composteiro

Isolina Souto Fernández, veciña de Rus, recibiu o último composteiro

O Concello de Carballo segue apostando pola compostaxe como a fórmula máis axeitada para a xestión dos residuos orgánicos, tanto a través da iniciativa “Ti tes a chave”, que se desenvolve na zona urbana con 1.376 participantes, polo momento, entre familias e empresas; coma do programa de compostaxe doméstica, que, ademais de contribuír á redución do lixo, facilita ás familias da zona rural a utilización dun abono de calidade nas hortas domésticas. Nestes momentos, tras a entrega de 25 novos composteiros realizada esta semana, contamos con 567 familias practicando a compostaxe na zona rural.

Pero queremos que sexan aínda máis, e por iso seguimos recollendo solicitudes para un próximo reparto. As persoas interesadas só teñen que cubrir o impreso que aparece ao final desta nova e presentalo, debidamente cuberto, no Rexistro Municipal (con cita previa no 981 704 100) ou no Rexistro Telemático, ao que se accede a Sede Electrónica de www.carballo.gal. O único requisito é dispoñer dunha parcela de 50 metros cadrados como mínimo.

O Concello de Carballo non só facilita os composteiros de balde ás familias interesadas, senón que tamén lles entrega un aireador e unha malla para toupas, e, fundamentalmente, un programa de formación e seguimento personalizado. Ademais, dende mediados de decembro está a disposición das persoas usuarias do programa un punto de acopio de material estruturante ao que poden acudir libremente e de balde. Con esta iniciativa trátase de facilitar o labor da compostaxe a familias que carecen de recursos na súa parcela para realizar o aporte de materia seca que precisa o composteiro.

E se se vos presenta algunha dúbida á hora de utilizalo, botádelle unha ollada a este titorial.

Ligazóns

Compartir: