Inicio Carballo ao día Novas O Concello aproveitará as vacacións...

O Concello aproveitará as vacacións de Semana Santa para construír as rotondas da avenida de Bergantiños e da rúa Perú

A zona urbana de Carballo estará pechada ao tráfico pesado durante toda a semana. Os camións serán desviados pola circunvalación da AG-55

Xoves 25 de marzo do 2021

A avenida de Bergantiños estará pechada ao tráfico de luns a mércores da semana que vén

A avenida de Bergantiños estará pechada ao tráfico de luns a mércores da semana que vén

As empresas que están a executar obras nas zonas do Chorís e os Baños Vellos aproveitarán as vacacións de Semana Santa para construír as rotondas que están previstas en ámbalas actuacións.

Por unha banda, as obras de reurbanización das rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia, ademais de renovar os servizos urbanísticos, teñen como finalidade completar as infraestruturas viarias nunha zona altamente sensible en canto á seguridade viaria, posto que concentra unha gran afluencia de peóns arredor das instalacións educativas e deportivas existentes. Así, no cruce das rúas Vila de Corcubión, Alfredo Brañas e avenida de Bergantiños deseñouse unha rotonda de 19.50 metros de diámetro para facilitar a circulación rodada, aliviar o tráfico e unificar as aliñacións entre as rúas Vila de Corcubión e Alfredo Brañas.

Despois de realizar os traballos previos nestes últimos días, a empresa Excavaciones Candal aproveitará as vacacións da semana que vén nos centros escolares e a conseguinte diminución do tráfico para construír a glorieta, para o cal será preciso pechar ao tráfico a avenida de Bergantiños de luns a mércores.

A época vacacional tamén permitirá á empresa Vázquez y Reino acometer unha actuación similar mediante a construción dunha rotonda que mellorará substancialmente a fluidez da circulación no cruce entre as rúas Ecuador, Pontevedra e Perú. Nesta última estase a desenvolver un proxecto de mellora dos servizos urbanísticos e a seguridade viaria, xa que estamos a falar doutra das vías urbanas que soporta máis tráfico. Debido a esa alta densidade de vehículos, calzada e beirarrúas estanse a construír a distintos niveis, e, unha vez listas as beirarrúas, tamén se aproveitará a Semana Santa para proceder á pavimentación da zona de rodaxe.

Para facilitar o desenvolvemento de ámbalas dúas actuacións, durante a Semana Santa prohibirase a circulación de tráfico pesado pola zona urbana. Os camións serán desviados pola circunvalación da AG-55. Para mañá venres á tarde está prevista a colocación da sinalización correspondente.

Compartir: