Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo recupera os plenos...

O Concello de Carballo recupera os plenos presenciais despois de cinco meses ante a melloría da situación sanitaria

Todos os grupos agás Terra Galega apoian a manifestación convocada para mañá sábado na Coruña na defensa de Alu Ibérica

Venres 26 de marzo do 2021

O último pleno presencial celebrouse o pasado outubro

O último pleno presencial celebrouse o pasado outubro

A corporación municipal de Carballo volverá a reunirse o luns 29 de marzo no salón de sesións da Casa do Concello. Será o primeiro pleno presencial dende outubro, grazas á melloría da situación sanitaria nas últimas semanas.

Como é costume cada xoves anterior a unha sesión plenaria, hoxe celebrouse xunta de voceiros/as, que neste caso foi telemática, e na que, ademais dos asuntos que integran a orde do día, deuse conta dun escrito enviado polas centrais sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (S.N. de CCOO Galicia) e Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT-Galicia) solicitando o apoio da corporación municipal na manifestación convocada para este sábado 27, ás 12.00 horas, diante da Delegación do Goberno en Galicia, co lema “En Alu Ibérica, na defensa do emprego, por un futuro industrial e contra a represión sindical”.

Todos os grupos agás Terra Galega expresaron o seu apoio ás centrais sindicais, que demandan “unha solución que garanta realmente a continuidade industrial e dos postos de traballo”, dado que “existe un risco clarísimo de desmantelamento e desaparición da fábrica, coa agravante de atopármonos nunha crise económica, derivada da crise sanitaria por mor da pandemia”. Os sindicatos fan un chamamento á protección das persoas “que loitan para salvar a industria, particularmente a fabricación de aluminio, un sector que debería ser declarado estratéxico para a economía e defendido e protexido como tal”.

Asuntos do pleno

En canto aos asuntos que se debaterán no pleno, na orde do día figuran dúas bonificacións de impostos (ICIO, IBI e IAE) do 95% para outras tantas empresas de nova creación no polígono industrial de Bértoa, unha dedicada á fabricación de produtos de panadaría e pastelaría e outra de produtos químicos, que realizarán un investimento total superior a 1 millón de euros.

Tamén se aprobarán as compatibilidades de dous docentes do Conservatorio Profesional de Música para compaxinar a súa actividade en Carballo e noutros centros de ensino musical.

Por último será debatida unha moción de TeGa na que solicita a anulación dun acordo adoptado no pleno anterior respecto dunha parcela no lugar da Rega (Bértoa). A moción foi rexeitada na comisión informativa, porque, tal como explicou o alcalde, Evencio Ferrero, “a obriga dos cargos públicos é defender o patrimonio público independentemente das circunstancias de oportunidade que se dean en cada expediente”.

Descargas

Compartir: