Inicio Carballo ao día Novas A recollida de plásticos agrícolas...

NO 2020 RECOLLÉRONSE 17.660 QUILOS

A recollida de plásticos agrícolas multiplícase por 6 coa implantación dun sistema de recollida a domicilio

Os produtores interesados en utilizar o servizo poden chamar ao Punto Limpo

Xoves 15 de abril do 2021

No ano 2020 recolléronse no noso concello un total de 17.660 quilos de plásticos agrícolas, segundo o balance que vén de presentar a empresa autorizada que se encarga da xestión deste residuo precisamente dende o ano pasado. Esa cantidade multiplica por seis os depósitos que se viñan realizando nos anos anteriores no Punto Limpo, no que se contabilizaron 3.240 quilos no 2018 e 2.700 no 2019.

Co obxectivo de facilitar a correcta xestión dos plásticos agrícolas, o Concello de Carballo ofrece aos produtores interesados a posibilidade de dispoñer dun servizo a domicilio. As persoas interesadas deben chamar ao Punto Limpo (981 754 917) e facilitar os seus datos persoais (nome, teléfono de contacto e punto de recollida) para que a empresa poida establecer un calendario de recollida. A maiores existe un sistema similar de recollida para os socios da cooperativa Coreber. Os plásticos deben estar o máis limpos posible e atados de xeito que se facilite a súa retirada.

Lonas do silo e sacos procedentes dos rolos de herba son os principais residuos que moitas veces a veciñanza non sabe onde tirar. Con esta iniciativa ambiental promovida polo Concello de Carballo é posible, por unha banda, manter limpa a contorna e, por outra, xestionar estes refugallos do xeito apropiado. Así, esta empresa xestora de ámbito autonómico encárgase posteriormente do transporte dos plásticos ata a planta de tratamento, onde son sometidos a un proceso mecánico de reciclaxe do que se obtén materia prima para a fabricación doutros produtos, dándolles así unha nova vida.

Compartir: