Inicio Carballo ao día Novas A Bandeira Azul volverá a ondear este...

TODAS AS ZONAS DE BAÑO ACADARON A CUALIFICACIÓN DE EXCELENTE

A Bandeira Azul volverá a ondear este verán nas praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo

O Concello de Carballo ten implantado un sistema de xestión ambiental que ten como obxectivo converter as praias nun referente de aproveitamento sostible

Martes 11 de maio do 2021

Este verán volverá a ondear a Bandeira Azul nas praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo. Ademais de certificar a boa calidade das augas de baño, dos areais e dos servizos que prestamos aos usuarios e usuarias, por segundo ano será preciso adoptar medidas que eviten a propagación da COVID-19. 

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) vén de facer pública a listaxe de praias con bandeira azul, que ten como principal obxectivo estimular o cumprimento da Directiva de Calidade de Augas de Baño da UE. Neste sentido, como xa informamos semanas atrás, as cinco zonas de baño do noso litoral que están controladas sanitariamente (Pedra do Sal, Razo, Arnados, Ría de Baldaio e Saíñas) acadaron a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria final do 2020 remitida pola Consellería de Sanidade.

A Concellaría de Praias ten como principal obxectivo a procura da excelencia en todos os parámetros que determinan a saúde do noso litoral e a calidade dos servizos que se prestan nel. Grazas ao traballo que se desenvolve ao longo do ano, Carballo vén renovando ano tras ano o distintivo da Bandeira Azul para diferentes espazos, e ademais é o único concello da Costa da Morte e un dos poucos de Galicia que conta cos certificados ISO 14001 e EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que  implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións.

Nestes momentos está en marcha o proceso de selección dos 32 socorristas que traballarán este verán nos nosos areais, ao tempo que, de maneira coordinada coas diferentes institucións, empresas e entidades implicadas no desenvolvemento sostible do litoral, estamos a realizar a planificación de todos os servizos de cara á temporada estival.

Dende o ano 2014 temos implantado un sistema de xestión ambiental, de cuxo seguimento se encarga un órgano xestor e que ten como principal obxectivo converter as praias carballesas nun referente paisaxístico sostible co medio ambiente. Neste sentido resulta imprescindible a colaboración de todas as persoas usuarias para realizar unha xestión correcta dos residuos, ademais de respectar as especies de flora e fauna autóctonas da nosa costa, algunha tan ameazada coma a píllara das dunas, e de respectar as medidas relativas á presenza de cans, que está totalmente prohibida desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro.

Compartir: