Inicio Carballo ao día Novas Arrinca con moita expectación a...

PARTICIPAN MÁIS DE 100 ESTABLECEMENTOS

Arrinca con moita expectación a campaña de promoción do comercio local "A festa levámola dentro"

Representantes municipais e o grupo de novos/as creadores/as locais que deseñaron a campaña presentaron hoxe o material promocional

Martes 15 de xuño do 2021

Representantes do Concello e creadoras/es da campaña

Representantes do Concello e creadoras/es da campaña

Coincidindo coa volta da actividade á planta principal, o Mercado Municipal foi escenario da presentación dunha campaña de promoción do comercio local que suma esforzos de varios departamentos municipais, porque en momentos como este tamén é importante visibilizar a importancia de arrimar o ombreiro. Así, no acto participaron o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Festas, Maruxa Suárez, e os concelleiros de Feiras e Mercados e de Promoción Económica, Juan Seoane, e Xosé Regueira; pero tamén un grupo de novas e novos creadores locais con moito talento, como podedes comprobar botando unha ollada aos deseños, e que tamén queren contribuír á dinamización económica do noso concello.

A propia reforma do Mercado Municipal forma parte dese obxectivo, como explicou Juan Seoane. Atendendo ás necesidades dos placeiros e placeiras, pero tamén buscando unha adaptación do espazo ás demandas do mercado, vimos de acometer unha primeira fase do proxecto de reforma do edificio, que se completará nos vindeiros meses.

Hoxe pola mañá xa se entregaron no Museo de Bergantiños 70 kits compostos por unha bolsa de tela, unha chapa e un imán coa imaxe da campaña

A actividade comercial en Carballo, como destacou o concelleiro de Feiras e Mercados, está estreitamente ligada ás feiras, e, nesta época do ano, tamén ás festas. “Este ano tampouco podemos celebrar o San Xoán como nos gustaría _sinalou a concelleira de Festas_, e por iso tamén dende esta concellería quixemos achegar un incentivo á actividade comercial, porque dende ben cativiña as festas sempre significaron estrear roupa, ir ao salón de peiteado... e con esta iniciativa queremos dar un empuxe ao comercio“.

O lema da campaña, que xa podes ver nos carteis que estamos a distribuír polo concello, na lona colocada na fachada lateral da ludoteca ou mesmo nas redes sociais, é “A festa levámola dentro”, porque, como apuntou o alcalde, “a festa vai dentro de nós, marca un ciclo nas nosas vidas; pero tamén vai dentro das bolsas das persoas que compran no comercio local”.

Na iniciativa participan máis de 100 establecementos de diferentes sectores, como podes ver na listaxe anexa. Presentando no Museo de Bergantiños un tíquet de compra de calquera deles por importe igual ou superior a 30 euros, entregarase, ata o día 30 de xuño ou ata fin de existencias, un kit composto por unha bolsa de tela, unha chapa e un imán, todo elo co deseño da campaña. Só na mañá de hoxe entregáronse 70, o que demostra a expectación creada.

14.000 postais co lema

Pero a proposta leva implícita unha segunda campaña: “Máis de Carballo que o pan”, que inclúe o reparto de 14.000 postais con imaxes moi, moi carballesas. Hai 7 deseños diferentes, o que implica que para conseguilos todos é preciso facer 7 compras, neste caso sen importe mínimo, en calquera dos establecementos participantes. Hoxe algúns xa tiveron que repoñer, así que non vos demoredes porque as existencias son limitadas.

Pero se hai algo que é máis de Carballo que o pan, ademais de todo o que figura nas postais, “é o talento”. Nesa idea insistiu o concelleiro de Promoción Económica, quen subliñou tamén que ese talento “é maioritariamente feminino”, como reflicten as autorías das postais: Nazaret Franco, Andrea Sánchez, Adrián Vilanova, Tucho, María Pereira, María Barca e Sara Pérez asinan os sete primeiros deseños da colección, pero con tanto “talento carballés”, como o acuñou Xosé Regueira, temos a seguridade de que non serán os últimos.

O alcalde dar as grazas a este grupo de mozos e mozas “por pensar que dende o Concello tamén se poden facer cousas creativas”, e nese sentido asegurou que “as portas do Concello sempre estarán abertas para a xente que ten ideas e que comparte a crenza de que Carballo é un bo lugar para vivir”. Evencio Ferrero cualificou a campaña como “tremendamente afortunada dende todos os aspectos: dende o comercial, pero tamén dende todos os aspectos da nosa vida cotiá”. Ademais, destacou que é unha iniciativa “absolutamente carballesa” polas achegas das creadoras e creadores, e mesmo do profesorado da Escola Oficial de Idiomas, que pon voz ao primeiro dos catro vídeos de promoción do comercio local que se difundirán ao longo de todo o ano.

“Hai futuro”, concluíu o alcalde.

Descargas

Vídeos



Galería

Compartir: