Inicio Carballo ao día Novas O proceso de actualización do...

O proceso de actualización do catálogo de hórreos dá un paso máis coa súa aprobación provisional

Das cinco alegacións presentadas durante o período de exposición pública foron aceptadas tres

Venres 22 de outubro do 2021

Milagros Lantes e Evencio Ferrero presentaron os asuntos do pleno

Milagros Lantes e Evencio Ferrero presentaron os asuntos do pleno

Entre os asuntos que abordará a corporación municipal no pleno ordinario do 25 de outubro figura a aprobación provisional da modificación puntual número 5 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que supón a actualización do catálogo de hórreos do noso concello. O obxectivo do proceso de revisión, iniciado hai máis dun ano, é que o catálogo incorpore unicamente a aqueles elementos que respondan con exactitude á definición de patrimonio etnolóxico establecida na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e determinar o grao de protección que corresponda en cada caso, regulando, en consecuencia, as obras que se poden realizar.

Tras un exhaustivo traballo de campo realizado polo equipo técnico encargado da revisión, o catálogo queda conformado por algo máis de 1.000 hórreos, que terán categoría ou de bens catalogados ou de bens de interese cultural. Durante o período de exposición pública só se presentaron cinco alegacións. Segundo indicaron a concelleira de Planificación, Milagros Lantes, e o alcalde, Evencio Ferrero, na presentación dos asuntos do pleno, tres delas foron aceptadas e as outras dúas, rexeitadas.

Tras a aprobación provisional por parte da corporación, a proposta de modificación puntual do PXOM será remitida aos organismos que deben emitir informe. A aprobación definitiva correspóndelle á Xunta de Galicia.

O exhaustivo traballo de campo realizado permitiu identificar no noso concello 9 tipos de hórreos, repartidos en catro categorías:

  • Hórreos de madeira: tipos “Mariñán” e “Bergantiñán”.
  • Hórreos de pedra e madeira: tipos “Carral”, “Carballo” e “Mahía”.
  • Hórreos de pedra: tipos “San Pedro de Visma”, “Coristanco” e “Fisterra”.
  • Hórreos de ladrillo ou cemento: tipo “Carballo”.

Hórreo en Pazos (Entrecruces)

Hórreo en Pazos (Entrecruces)

O novo catálogo inclúe unha ficha de cada un dos máis de mil hórreos na que figuran o lugar e a parroquia na que están situados, a localización con coordenadas e a referencia catastral. Ademais inclúense unha fotografía do hórreo, a descrición arquitectónica, as características normativas, o tipo de protección e incluso as determinacións para a súa conservación. A ficha complétase cun plano da delimitación do ámbito de protección.

Compartir: