Inicio Carballo ao día Novas O FIOT30 encara a recta final coa...

O FIOT30 encara a recta final coa presentación do libro Fillos do sol e o éxito teatral "Con lo bien que estábamos (Ferretería Esteban)"

O 14 de novembro celebrarase a gala de entrega de premios do XX Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís

Luns 25 de outubro do 2021 Cultura

A 30ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo chega ao seu fin logo de case un mes e medio de celebración. Esta semana o certame bergantiñán despedirase do público no Pazo da Cultura coa presentación do libro Fillos do sol, baseado na peza coproducida polo FIOT e Contraproducións no centenario do pasamento de Eduardo Pondal, e coa representación da última función do seu Programa de Sala. O peche será cun dos éxitos da tempada escénica a nivel estatal e que vén de gañar, recentemente, dous Premios Max: Con lo bien que estábamos (Ferretería Esteban), de Nueve de Nueve Teatro.

A primeira cita terá lugar o mércores, ás 20.00 horas. O Pazo da Cultura acollerá a presentación de Fillos do sol, o libro escrito por Cándido Pazó que se basea na peza de teatro homónima estreada no 2017. Nese ano, o FIOT conmemorou os cen anos do falecemento de Eduardo Pondal coa produción dun espectáculo teatral en colaboración coa compañía Contraproducións, e encargou a Pazó, Xograr de Outono, a escrita do texto. Fillos do Sol é unha elucubración nun acto e un epílogo, a cabalo entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, sobre a figura do autor bergantiñán e a súa obsesión coa obra que ocupou toda a súa vida como escritor: Os Eoas.

No acto deste mércores estarán presentes o autor, o director do FIOT, Alberto Sueiro, a directora comercial da Editorial Galaxia, Tati Mancebo, e o concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo. O grupo estará acompañado polo elenco da obra: César Cambeiro, Alba Bermúdez e Adrián Riós.

O venres 29 a clausura do festival chegará coa comedia musical Con lo bien que estábamos (Ferretería Esteban), escrita e dirixida por José Troncoso, na que presenta dúas singulares personaxes: Estaban e Marigel. Ambos teñen a súa vida e son donos dunha ferraxería, mais un día o teatro chega a súa vila e xa nunca máis serán os mesmos. A peza, que conta con Jorge Usón e Carmen Barrantes de protagonistas, é espectáculo con pingas de humor, intriga e misterio, que acadou na última gala dos Premios Max de Teatro dous galardóns: Mellor composición musical para espectáculo escénico e Mellor labor de produción. As tenras e esperpénticas personaxes creadas por Troncoso pecharán o FIOT este venres, a partir das 21.00 horas, poñendo en valor o poder transformador do teatro e ,en cuestión, se é posible un mundo sen arte, sen comedia, sen risa.

Exposición

Exposición "30 fitos do FIOT" (Foto: Vane Rábade)

Tamén até o venres 29 o Pazo de Cultura acolle dúas mostras sobre o certame e as artes escénicas: a exposición 30 fitos do FIOT, un percorrido informativo e emocional polas tres décadas de traxectoria do certame, e Zoom FIOT 2019, unha exhibición de fotografía que recolle esas escenas que o público non ve detrás do pano e que tamén forman parte do FIOT.

A canle de Youtube do FIOT (https://www.youtube.com/FIOTCarballo) publica desde o pasado xoves 21 os vídeos do alumnado participante na nova edición do XX Concurso Escolar Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, que este ano se celebra de forma virtual. Nos vindeiros días un xurado integrado por persoas do mundo das artes escénicas, educación e radio, fará unha primeira deliberación, da que sairán as propostas finalistas do certame. Os premios entregaranse públicamente o domingo 14 de novembro nunha gala presentada polo actor Fran Rei e que terá lugar no Pazo da Cultura.

Compartir: