Inicio Carballo ao día Avisos Se o despregue de 4G e 5G che afecta á...

Se o despregue de 4G e 5G che afecta á recepción do TDT chama ao 900 833 999 para recibir asistencia técnica gratuíta

Xoves 7 de abril do 2022

As operadoras de telefonía móbil Telefónica, Vodafone e Orange anunciaron que durante as próximas semanas realizarán no noso concello o proceso de implantación dos servizos de telefonía móbil de nova xeración, 4G e 5G, sobre as bandas de 800 e 700  MHz, respectivamente, o que permitirá á veciñanza gozar de conexións móbiles de alta velocidade cunha mellor cobertura no interior dos edificios e maior extensión xeográfica.

Llega700 é a entidade xestora encargada de ofrecer os servizos que garantirán a compatibilidade entre a posta en marcha da emisión móbil 4G e 5G nas bandas de 800 e 700 MHz, respectivamente, e a recepción do servizo de TDT. Para garantir esta compatibilidade, Llega700 encargarase de atender aos usuarios afectados xestionando e resolvendo posibles afectacións sen custo algún. As persoas interesadas teñen ao seu dispor o teléfono gratuíto 900 833 999 e a páxina web www.llega700.es.

O proceso de implantación está a realizarse de forma paulatina por toda a xeografía nacional. Para comprobar as localidades onde xa están activos estes servizos podes pinchar aquí.

Coa nova rede móbil, segundo destacan as operadoras, ábrese a porta a innovadores servizos e aplicacións, ademais de proporcionar significativas melloras tanto na velocidade de descarga, como de envío de datos (fotos, música ou contidos audiovisuais de alta definición) ou permitir sacar o máximo partido a aplicacións en liña, como os videoxogos.

A rede de telefonía móbil de nova xeración –engaden- introduce dúas melloras fundamentais. A primeira é a solvencia dos diversos problemas relacionados con orografías complicadas presentes na xeografía española onde tradicionalmente fallaba a cobertura. A segunda, é a gran penetración en zonas interiores dos edificios. A nova xeración tamén facilita a introdución de novos servizos na área empresarial e das administracións públicas, como aplicacións empresariais en mobilidade con alto contido multimedia ou o uso da  videochamada, entre outros.

Ligazóns

Compartir: