Inicio Carballo ao día Novas Carballo presumirá de recursos...

Carballo presumirá de recursos turísticos en Expocidades, que se celebrará do 13 ao 15 de maio en Ferrol

A Mostra Turística das Cidades do Eixo Atlántico terá nesta edición unha importante oferta gastronómica, na que non faltará o noso pan

Mércores 11 de maio do 2022

Carballo non podía faltar á súa cita con Expocidades, a Mostra Turística das Cidades do Eixo Atlántico, que este ano se celebra en Ferrol. E non só porque o noso é un dos concellos membros do Eixo, senón tamén porque queremos aproveitar os mellores escaparates para os nosos recursos turísticos, e este é un deles.

Expocidades naceu como unha microfeira e como un medio para promocionar o turismo de proximidade. Deste xeito, non só se dan a coñecer os destinos no seu mercado máis próximo, senón que tamén é unha oportunidade para establecer unha relación directa entre produtores turísticos e comercializadores. Este ano terá un papel moi destacado a gastronomía, e na caseta de degustacións gastronómicas que estará instalada na Praza de Armas de Ferrol non faltarán nin o pan nin as empanadas de Carballo.

A Mostra Turística das Cidades do Eixo Atlántico estará aberta dende o venres 13 ata o domingo 15. No stand de Carballo poderemos atopar todo tipo de material relacionado coas nosas fortalezas turísticas máis consolidadas, como as augas termais, o surf, a gastronomía ou as feiras, pero tamén con outras que nos sitúan no mapa internacional, como o festival de contidos dixitais Carballo Interplay ou o festival de arte pública Rexenera Fest, que celebrará en breve a súa oitava edición.

Durante toda a fin de semana poderán visitarse as 31 casetas que estarán instaladas fronte ao Concello de Ferrol. Entre os expositores hai 16 de municipios e entidades galegas, 11 portuguesas, o Foro Termal do Eixo Atlántico, Turismo do Porto e Norte de Portugal e a Asociación Ibérica de Municipios Ribeiregos do Douro. Paralelamente celebrarase a Mostra Musical, un evento que busca recoñecer, promover, premiar e difundir a práctica e afección á música entre a mocidade, tanto en Galicia como no norte de Portugal. Este ano participarán 39 solistas e 8 agrupacións procedentes dunha vintena de municipios. As actuacións terán lugar no Auditorio e no Conservatorio de Música Xan Viaño. O Concello de Ferrol habilitará durante a fin de semana un tren turístico.

Ligazóns

Compartir: