Inicio Carballo ao día Avisos Cortes de tráfico na estrada de Compostela...

Cortes de tráfico na estrada de Compostela polas das obras de reforma integral da subestación eléctrica de Quintáns

Martes 9 de agosto do 2022

UDF, distribuidora eléctrica de Naturgy, ten previsto realizar un investimento de 3,7 millóns de euros na reforma integral da subestación eléctrica de Quintáns. Dentro dese orzamento enmárcanse distintas obras que a compañía ten en marcha nestes momentos na estrada de Santiago de Compostela.

A actuación de maior envergadura, cuxo proxecto foi aprobado pola Xunta de Goberno Local en xaneiro do ano pasado, consiste na reforma integral da subestación situada no lugar de Quintáns, na que a empresa eléctrica realizará un investimento de case dous millóns de euros co obxectivo de pasar do esquema actual de barra simple ao de dobre barra, mediante blindaxe do parque de 66kV, con celas tipo GIS que irán aloxadas no interior dun edificio de nova construción.

Pero o proxecto que terá maior incidencia social, xa que a súa execución afecta á rede viaria, é a execución do segundo circuíto da liña de alta tensión de 66kV Bértoa-Carballo, que ten un investimento de 1,5 millóns de euros e que permitirá unir as subestacións eléctricas situadas no lugar de Quintáns e no polígono industrial.

Cortes de tráfico

O trazado será o seguinte: subestación de Bértoa, rúa Bronce, glorieta de enlace coa AG-55, rúa Isaac Albéniz, Reveriano Soutullo, Pau Casals, Pintor Francisco Miguel, O Fondal, O Ferradal, rúa Vila de Negreira, rúa do Sol, paseo do Anllóns, rúa Ameneiros, Verdillo, José María Castroviejo e rúa Compostela. Neste punto comenzaron os traballos esta mesma semana, o que obrigou a cortar ao tráfico un carril da rúa Compostela. A circulación está regulada mediante semáforos, pero, para evitar retencións, a Policía Local recomenda desviarse pola Brea ata a rúa Verdillo.

O terceiro proxecto en marcha, aprobado na última Xunta de Goberno Local cun orzamento de case 400.000 euros, consiste no retranqueo das liñas de alta tensión Bértoa-Carballo, Cabana-Boaña-Carballo e Unemsa Carballo.

A empresa promotora das obras indica que este investimento, o máis importante da distribuidora na comarca, ten como finalidade a modernización das infraestruturas de subministración eléctrica e a dixitalización da rede de distribución, mellorando a calidade do servizo e reducindo o tempo de resposta ante calquera incidencia.

Compartir: