Inicio Carballo ao día Novas O POS+2023 inclúe máis de dous...

O POS+2023 inclúe máis de dous millóns de euros de investimento para seguir mellorando os servizos na zona rural

As obras máis importantes serán a rede de abastecemento de auga dende A Canosa ata Entrecruces e o aglomerado da estrada de Arnados a Sambade

Sábado 28 de xaneiro do 2023

As obras do abastecemento dende Ardaña ata A Canosa realizáronse no 2021

As obras do abastecemento dende Ardaña ata A Canosa realizáronse no 2021

O primeiro pleno do 2023 será tamén un dos máis importantes do ano, porque a corporación municipal aprobará o POS+, o plan de investimentos que achega fondos a cada concello da provincia en función do seu esforzo fiscal, a poboación, o número de parroquias ou a superficie. Con estes criterios obxectivos, Carballo xestionará este ano ata tres millóns de euros.

A maior parte desta cantidade permitirá seguir mellorando os servizos na zona rural. Evencio Ferrero, que informou sobre os asuntos do pleno o venres pola mañá, acompañado pola concelleira Milagros Lantes, relacionou os investimentos que se acometerán con eses fondos:

POS+2023 

  • Rede de abastecemento de auga potable dende A Canosa (Rus) ata Entrecruces: 632.306,75 euros                                                                                                
Plan complementario                                                        
  • Mellora da capa de rodaxe na vía de Arnados (Razo) a Sambade (Rebordelos): 576.614,01 euros
  • Mellora da capa de rodaxe da vía dende Pereiro Vello ata Outón (Rus): 391.787,88 euros
  • Rede de abastecemento de auga potable aos núcleos do Espiño, Ramil, O Piñeiro e Goiáns de Arriba: 221.208,87 euros
  • Execución da rede de pluviais nas rúas Bronce, Ferro, Cobre e Lousa, do parque empresarial de Bértoa: 353.476,44 euros

O Plan Único da Deputación tamén permite destinar unha porcentaxe a gasto corrente, e, como apuntou o alcalde, no noso concello será a máxima: 671.559,61 euros. Carballo utiliza sempre esta opción para poder liberar eses fondos dos orzamentos municipais para acometer outras infraestruturas e deste xeito axilizar a tramitación dos investimentos.

O POS+ tamén ten unha parte social, derivada das necesidades que xerou a pandemia, e no caso de Carballo suporá unha achega de 195.871,55 euros que se destinarán, tal como explicou o alcalde, ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

O resto dos asuntos da sesión ordinaria do luns, na convocatoria anexa.

Descargas

Compartir: