Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Os voceiros municipais acordan presentar unha moción conxunta para demandar que se manteña o partido xudicial de Carballo

RECOLLERÁN PARTE DUNHA PROPOSTA PRESENTADA EN XUÑO DE 2012

Os voceiros municipais acordan presentar unha moción conxunta para demandar que se manteña o partido xudicial de Carballo

Venres 11 de abril do 2014

Os voceiros de todos os grupos políticos da corporación veñen de manter unha xuntanza na que abordaron as modificacións que propón o anteproxecto de lei do poder xudicial impulsado polo Ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, e que suporían a supresión de todos os partidos xudiciais da provincia da Coruña, excepto o da capital. Estes cambios implicarían, polo tanto, a eliminación do partido xudicial carballés, entre outros, xa que nestes momentos a demarcación da provincia recolle a presenza de catorce partidos xudiciais incluíndo os da Costa da Morte: Carballo e Corcubión. Estiveron na reunión o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o voceiro do PP, Miguel Ferreiro; o voceiro de TEGA, Manuel Andrade; e o voceiro do PSOE, José Antonio Viña. Entre todos, acordaron presentar diante do pleno da corporación unha moción conxunta na que se solicitará a continuidade dos xulgados carballeses no mapa da planta xudicial da provincia. Así mesmo, acordouse facilitarlle a todos os grupos a moción aprobada por unanimidade na sesión plenaria celebrada en xuño de 2012. Naquel entón o texto instaba "ao Goberno de España para que non dera validez algunha á proposta de reforma da planta xudicial elaborada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, mantendo as demarcacións xudiciais existentes, xa que en caso contrario a demarcación carballesa pasaría a formar parte da da Coruña xunto coa de Betanzos, co conseguinte prexuízo para profesionais e veciñanza do municipio".

O programa Primavera enDanza remata con tres espectáculos para todos os públicos chegados de Galicia e Madrid

VENRES 11, SÁBADO 12 E DOMINGO 13 DE ABRIL

O programa Primavera enDanza remata con tres espectáculos para todos os públicos chegados de Galicia e Madrid

Mércores 9 de abril do 2014

A programación de Primavera enDanza chega á súa recta final con tres espectáculos de danza contemporánea destinados a público adulto e familiar. Despois dunha primeira fin de semana marcada polas galegas Cristina Montero e Rut Balbís e a presenza de Marta Etura e Chevi Muraday con "Return", o programa Primavera enDanza remata con tres propostas que inclúen un espectáculo para cativos e cativas. O venres 11, o sábado 12 e o domingo 13 de abril o Pazo da Cultura despide os compases da danza con tres propostas ben distintas pero igualmente atractivas para o público da comarca. As citas principian o venres ás 21.00 horas coa compañía galega Licenciada Sotelo que presenta a súa última creación "Silencio, por favor". Silencio e ruído son os protagonistas desta coreografía, na que a estridencia ruidosa do espazo sonoro e do caos, alterna con oasis de calma e silencio, cunha proposta escénica multidisciplinar na que se busca o diálogo entre corpo, voz, música e recursos multimedia. Con música e voz en directo, as bailarinas e creadoras Nuria Sotelo e Rut Balbís chegan a Carballo cun espectáculo sedutor cunha coreografía moi física e cunha forza interpretativa excepcional. A cita conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia. O prezo da entrada é de 4 €, de 3 € con prezo reducido, e a duración prevista do espectáculo é de 60 minutos.

O Pazo da Cultura acolle os Concertos de Primavera do Ciclo de Novos Intérpretes do Conservatorio Profesional de Música

MÉRCORES 9 E XOVES 10 DE ABRIL ÁS 19.30 HORAS

O Pazo da Cultura acolle os Concertos de Primavera do Ciclo de Novos Intérpretes do Conservatorio Profesional de Música

Martes 8 de abril do 2014

O mércores 9 e o xoves 10 de abril o Pazo da Cultura acolle os Concertos de Primavera que levará a cabo o alumnado de Grao Elemental do Conservatorio Profesional de Música de Carballo. Trátase de dous recitais incluídos no ciclo de Novos Intérpretes que anualmente ofrecen os alumnos e alumnas deste centro. Preto de setenta rapaces e rapazas, de primeiro a cuarto curso, interpretarán obras de distintos compositores (clásicos e contemporáneos) que foron estudando ao longo dos dous primeiros trimestes do ano académico. As intervencións, realizaranse ben como solistas ben como pequenas formacións, que abranguen desde os dúos ata os cuartetos con diferentes instrumentos que van dende o piano, á trompeta, o violoncello, o saxofón, o violín ou o clarinete, entre outros. O alumnado interpretarán pezas de autores tan célebres como Shubert, Beethoven - coa súa famosa "Oda a alegría"-, Mozart, Bagh ou Schumann. Así mesmo, e como ben sendo tradición, pechará o concertó do mércores 9 a agrupación coral do alumnado de Grao Elemental dirixido por Gloria Pardines e o xoves 10 o do Grupo de Percusión -tamén de Grao Elemental- dirixido polo mestre Francisco Vencino. As citas terán lugar no auditorio do Pazo da Cultura a partir das 19.30 horas e a entrada é libre ata completar aforo.

Últimos días para participar no Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo

O PRAZO REMATA O VENRES 11 DE ABRIL

Últimos días para participar no Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo

Martes 8 de abril do 2014

O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración con diversos medios de comunicación escrita, convoca a décima edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame xa consolidado que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o uso e prestixio do idioma galego e promover o seu uso na prensa. Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, co fomento da lingua galega, co seu estatus, co argumentario a prol do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, con experiencias útiles ou favorables para a dinamización da lingua, coa política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc. Os artigos deberán ter entre 1.800 e 3.300 caracteres con espazos incluídos. O prazo de admisión está aberto ata o 11 de abril, e pódense enviar por correo certificado durante todo o día ou entregar no rexistro do Pazo da Cultura (neste caso, ata o 11 de abril ás 13.30 horas).

A promoción, a creación dunha imaxe común e o comercio electrónico: retos do sector servizos de Carballo e comarca

EN 10 ANOS A ANTENA LOCAL TEN PRESTADO SERVIZO A 500 EMPRESAS

A promoción, a creación dunha imaxe común e o comercio electrónico: retos do sector servizos de Carballo e comarca

Luns 7 de abril do 2014

A promoción mediante ofertas e campañas de fidelización, a creación dunha imaxe comercial común e o desenvolvemento do comercio electrónico, catálogos online ou pagamento por móbil son algúns dos retos de futuro aos que se enfronta o comercio de Carballo e a súa área de influencia para adaptarse aos cambios nos hábitos de consumo que xurdiron a consecuencia da crise. Amplificouse o carácter crítico dos consumidores, prima a contención do gasto, a frecuencia e a fragmentación das compras crece, aumentan as compras de proximidade e o prezo é a decisión principal da compra. Estas son algunhas das conclusións do estudo "Os hábitos de consumo en Carballo e a súa área de influencia", realizado a través do Observatorio Económico Local de Carballo durante o 2013 e que acaba de ser presentado no Viveiro de Empresas do Polígono de Bértoa polo Presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Marcelo Castro-Rial Schuler, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. O Observatorio Económico Local, consciente da crise que vive o sector servizos na zona, decidiu elaborar este estudo co fin de realizar un diagnóstico sobre os hábitos de consumo no actual contexto de crise e propoñer medidas de acción e mellora. Así mesmo, tamén reflexiona sobre "A franquía como fórmula comercial en Carballo e a súa área de influencia", un modelo de negocio en auxe nos últimos tempos.

Luz verde para o expediente de contratación para desenvolver un "Plan de dinamización de Ecoturismo en Razo-Baldaio"

APROBADO O CONVENIO DE ACTUACIÓNS MUSICAIS PARA 2014

Luz verde para o expediente de contratación para desenvolver un "Plan de dinamización de Ecoturismo en Razo-Baldaio"

Luns 7 de abril do 2014

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o expediente de contratación para a dotación de material e favorecer o desenvolvemento das actividades de promoción do "Plan de dinamización de Ecoturismo Razo-Baldaio", un proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Pesca. O orzamento de contrata ascende a 55.309,10 euros e o prazo de execución previsto de catro meses. O contrato de servizos está rexido por un procedemento aberto con varios criterios de adxudicación e entre os criterios de valoración inclúense, ademais da oferta económica e o prazo, melloras como a inclusión de máis idiomas á hora de elaborar os folletos promocionais ou a creación doutros contidos dixitais de difusión a maiores dos recollidos no prego de cláusulas administrativas. Este plan para Razo-Baldaio inclúe a creación dunha ruta 2.0 polo litoral carballés, o desenvolvemento de cursos de mellora da calidade turística, a creación de códigos QR para ofrecer información sobre a ruta, a preparación de xornadas coas mariscadoras de Baldaio, a edición de audio guías, vídeos ou folletos turísticos (obrigatoriamente en galego, castelán e inglés) e a promoción dos recursos paisaxísticos e ambientais do espazo de Razo-Baldaio, entre outras moitas actuacións. O obxectivo é que este plan poida dar os seus primeiros pasos a primeiros do verán.

Asinado o contrato de obras de "Mantemento de camiños públicos nas parroquias de Rus, Entrecruces, Ardaña e Berdillo"

PRAZO DE EXECUCIÓN DE 53 DÍAS

Asinado o contrato de obras de "Mantemento de camiños públicos nas parroquias de Rus, Entrecruces, Ardaña e Berdillo"

Venres 4 de abril do 2014

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura do contrato administrativo de obras do "Plan de mellora de camiños 2013. Mantemento de camiños públicos nas parroquias de Rus, Entrecruces, Ardaña e Berdillo, Concello de Carballo", un proxecto financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader "Europa inviste no rural"). A empresa encargada de realizar os traballos é Construcciones Dámaso Ferreiro e Hijos SL por un prezo de adxudicación de 101.050 euros sendo o prazo de execución de 53 días naturais a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de replantexamento. Esta comprobación deberá realizarse no prazo máximo de 30 días dende a formalización do contrato. A subvención concedida para a realización das obras ascende a 83.950,50 euros por resolución do director xeral de Agader no marco do Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014 ao abeiro dunha Resolución do 13 de setembro de 2013. No acto de sinatura estiveron o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e un representante da empresa adxudicataria. Hai que lembrar que o programa europeo Feader ten como obxectivo reforzar a política de desenvolvemento rural da Unión Europea, mellorando sobre todo a xestión e o control das actuacións.

A Comisión de Seguridade acorda solicitarlle á Subdelegación do Goberno que cubra o cadro de persoal da Garda Civil en Carballo

NIVEIS DE DELINCUENCIA MOI SIMILARES AOS DE 2013

A Comisión de Seguridade acorda solicitarlle á Subdelegación do Goberno que cubra o cadro de persoal da Garda Civil en Carballo

Venres 4 de abril do 2014

A Comisión Especial de Seguridade do Concello de Carballo vén de manter unha xuntanza na que se realizou unha valoración da situación no ámbito da seguridade no termo municipal. A principal conclusión da reunión foi que a administración local elaborará un escrito para remitirllo á Subdelegación do Goberno no que se solicitará que se cubran a totalidade dos postos do cadro de persoal do Cuartel da Garda Civil de Carballo, xa que neste momento hai prazas baleiras. Así se acordou nunha xuntanza de pouco máis dunha hora de duración na que tamén se estudou un informe da Policía Local no que se recollen os datos rexistrados no municipio en materia de seguridade, dende as sancións de tráfico ata os delitos e faltas ou a seguridade viaria. Segundo este informe, os niveis de seguridade cidadá son moi similares aos rexistrados o ano pasado, a excepción de no caso dos roubos con violencia, apartado no que si se ten rexistrado un incremento, en parte debido aos sucesos rexistrados nos últimos tempos. A Comisión Especial de Seguridade estivo presidida polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, mais tamén contou coa presenza do Concelleiro de Seguridade e representante do BNG, Xosé Regueira Varela; de José Lado Lamas, polo PP; de Manuel Andrade Cristóbal, por TEGA; de José Antonio Viña Patiño, polo PSOE; e do Xefe da Policía Local de Carballo, Roberto Mosquera Martínez.

A mostra do XVI Certame Xosé Manuel Eirís reúne 86 imaxes cunha obra gañadora que aspira a ser "unha metáfora da vida"

NA SALA DE EXPOSICIÓNS ALBERTO GENDE ATÉ O 4 DE MAIO

A mostra do XVI Certame Xosé Manuel Eirís reúne 86 imaxes cunha obra gañadora que aspira a ser "unha metáfora da vida"

Venres 4 de abril do 2014

O Concello de Carballo vén de inaugurar na sala Alberto Gende situada na baixocuberta do Pazo da Cultura a Exposición do XVI Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, conformada por unha escolma de 86 obras de entre as 211 imaxes de 87 autores que se teñen presentado ao concurso. Nesta selección están as cinco imaxes gañadoras, entre as que destaca o Primeiro Premio, dotado con 700 € e diploma, que recaeu na fotografía que leva por título "Una vida juntos I" presentada por José Ramón Luna de la Ossa, de Cuenca. O autor achegouse a Carballo para agradecer o galardón e describiu a súa imaxe, que forma parte dunha serie máis ampla, como "unha metáfora da vida", escollendo as árbores e a natureza como medio de expresión. Para o autor, "a arte consiste en espertar sensacións", polo que o público pode asumir diferentes interpretacións, mais para el a imaxe reflicte dous "seres individuais" que están xuntos fisicamente, pero que amosan que "en realidade estamos sós ante as inclemencias da vida". Xulio García Rivas, membro do xurado, pintor, licenciado en Belas Artes e profesor de debuxo no IES Alfredo Brañas, describiu a imaxe como chea de "sutileza, elegancia e cunha delicada carga poética". A mostra pode visitarse até o 4 de maio no Pazo da Cultura no horario habitual de 17.00 a 21.00 horas.

Arredor de 80 inscritos na XII Marcha Cicloturista de Bergantiños que organiza o 6 de abril o Club Ciclista Carballo

A PARTIR DAS 10.00 HORAS CON SAÍDA E CHEGADA NO FÓRUM CARBALLO

Arredor de 80 inscritos na XII Marcha Cicloturista de Bergantiños que organiza o 6 de abril o Club Ciclista Carballo

Venres 4 de abril do 2014

O domingo 6 de abril a partir das 10.00 horas o Club Ciclista Carballo Placasa organiza, coa colaboración do Concello e a autorización da Federación Galega de Ciclismo, a XII Marcha Cicloturista de Bergantiños na que xa están inscritos 70 participantes e na que se espera a inscrición doutra decena, o que casi duplica os inscritos do ano pasado, arredor de 45. Trátase dunha cita que en 2013 tivo lugar no mes de outubro pero que o club cambiou de data ante a petición dos ciclistas, que prefiren a primavera para este tipo de marchas. O percorrido transcorre por estradas pola costa de Bergantiños, incluíndo Ponteceso, a Virxe do Faro, Malpica, Buño, Lema, Rebordelos e unha volta a Carballo, incluíndo vistas que Juan Seoane, director deportivo do club, cualifica como "espectaculares", especialmente as que se obteñen do areal de Razo. Trátase dunha marcha neutralizada na que, segundo Seoane, o principal obxectivo "é que a xente saia a gozar da bicicleta", non co propósito de competir. Está aberta a todas aquelas persoas maiores de 15 anos que teñan licenza, ben anual ou dun día. A marcha comezará ás 10.00 horas con saída e chegada no Fórum Carballo (na parte posterior, xunto ao acceso do Taller de hostalería), onde estará ubicada a Oficina Permanente e o Parque Pechado desde dúas horas antes.

O Carballo Basket festexou a súa vitoria na Liga Galega Infantil recibindo o trofeo de Campión na Casa do Concello

NO CAMPIONATO DE ESPAÑA LEVARÁN O LEMA "CARBALLO A UN PASO"

O Carballo Basket festexou a súa vitoria na Liga Galega Infantil recibindo o trofeo de Campión na Casa do Concello

Venres 4 de abril do 2014

Os rapaces do Carballo Basket infantil veñen de recibir na Casa do Concello o trofeo como campións da Liga Galega despois dunha brillante tempada na que tamén se proclamaron gañadores da Copa Galicia. Xogadores, adestradores e directiva do club foron recibidos polo alcalde, Evencio Ferrero, para despois, no salón de plenos, nun acto público ao que asistiron tamén as familias e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín, recibir as medallas de campións e o trofeo, o primeiro da historia da Escola Basket Xiria. Os protagonistas asinaron no Libro de Honra, que acaba de estrear volume e polo de agora casi exclusivamente dedicado ao deporte coa presenza de persoeiros como o campión de Moto 3 Maverick Viñales, ou o célebre xogador de baloncesto Fernando Romay. Evencio Ferrero quixo transmitirlles os "parabéns" de toda a cidadanía e o "orgullo de ser carballés", ademais de subliñar o "éxito colectivo" de toda a familia do Basket Xiria. Francisco Martín salientou o feito de que o equipo, grazas a esta vitoria, competirá no Campionato de España contra clubs como o Real Madrid, o Barcelona ou o Joventut, ademais de "defender o valores de Galicia" xunto cos outros dous galegos clasificados, o Rosalía e o Seis do Nadal. Ademais, o presidente do Basket Xiria, Diego Vázquez, manifestou o compromiso do club de "facer do baloncesto carballés a primeira potencia a nivel galego".

Primavera enDanza arrinca coa emoción de "Momento Blooming" e a presenza de Marta Etura con "Return"

VENRES 4 E SÁBADO 5 DE ABRIL ÁS 21.00 E 20.30 HORAS

Primavera enDanza arrinca coa emoción de "Momento Blooming" e a presenza de Marta Etura con "Return"

Xoves 3 de abril do 2014

O programa Primavera enDanza 2014 arrinca o venres 4 de abril no Pazo da Cultura despois de doce anos achegando a danza contemporánea ao público carballés e da comarca. Na súa primeira fin de semana ofrece dúas propostas: "Momento Blooming" das galegas Cristina Montero e Rut Balbís o venres 4; e "Return" da madrileña Pentación SL e coa presenza da coñecida actriz e bailarina Marta Etura o sábado 5 de abril. En "Momento Blooming" dúas destacadas creadoras e intérpretes da danza contemporánea en Galicia, como son Rut Balbís e Cristina Montero, únense nun espectáculo crítico co mundo actual coa intención de achegarse ao público máis directamente. O corpo, o movemento a música e a danza xúntanse para crear un cóctel anti crise, conxugando momentos íntimos con outros superficiais, choros e risas, inxenuidade e ensoñación, realidade e ficción. Todo desde un traballo profundo de emoción, de interpretación, de movemento e de improvisación. Este espectáculo ademais contará cunha presentación especial o mesmo venres 4 de abril no Xardín Municipal a partir das 13.00 horas. Para acceder ao espectáculo propiamente dito ás 21.00 horas no Pazo da Cultura o prezo é de 3 € e de 2 € o prezo reducido con desconto. A duración prevista do espectáculo é de 50 minutos.

Compartir: