Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Asinado un convenio coa Deputación para achegar 95.000 euros para a dinamización do comercio e a hostalería local

O IMPORTE TOTAL DO PROXECTO É DE PRETO DE 120.000 EUROS

Asinado un convenio coa Deputación para achegar 95.000 euros para a dinamización do comercio e a hostalería local

Xoves 3 de abril do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asinar co Presidente da Deputación de A Coruña, Diego Calvo, na sede da institución provincial un convenio de colaboración para financiar a campaña de dinamización económica "Quedamos en Carballo". A achega provincial que recolle o acordo é de 95.000 euros, o que supón o 80 por cento do orzamento total necesario para levar a cabo unha actividade que ascende a 118.750 euros. O obxectivo desta iniciativa é facer máis atractiva a localidade e máis competitivo o comercio do municipio a través de estratexias de dinamización e organización de eventos. Segundo explicou o Alcalde, a iniciativa busca, "ademais de todo o aspecto promocional paisaxístico e comercial, iniciar tamén a transformación urbana". Con ese fin, desenvolveranse accións xunto aos sectores da hostalería e o comercio, promoveranse actuacións de animación na rúa e actividades de lecer e tempo libre. Ademais, elaborarase un contido específico para páxinas web e redes sociais. Ferrero agradeceu o investimento da Deputación, que permitirá facer fronte aos gastos da realización e desenvolvemento da imaxe de marca do proxecto, así como dos materiais de difusión e de formación. Calvo, pola súa banda, explicou que o financiamento deste programa enmárcase dentro dos obxectivos da institución de favorecer a promoción económica e o emprego, así como a posta en valor dos municipios da man dos gobernos locais.

O Xiria Gestiber feminino de Voleibol disputa a Fase Final Interzonal o domingo 6 de abril no Pavillón Carballo Calero

SEMIFINAIS A PARTIR DAS 10.00 HORAS

O Xiria Gestiber feminino de Voleibol disputa a Fase Final Interzonal o domingo 6 de abril no Pavillón Carballo Calero

Xoves 3 de abril do 2014

O Xiria Gestiber cadete feminino participa o domingo 6 de abril na Fase Final Interzonal de Voleibol que disputa xunto co Dompa Rúa Ourense, o IES Ames e o CV Santiago. O Xiria accede a esta fase despois dunha tempada na que se mantivo invicto e na que tan só cediu un total de cinco sets. Aspira a clasificarse para os play-offs acadando un dos dous primeiros postos desta fase que dan dereito a disputar o ascenso para pasar da Liga Interzonal á Liga Galega de cara á tempada 2014-2015. A Fase Interzonal inclúe catro encontros que se disputarán no Pavillón Carballo Calero: a primeira semifinal ás 10.00 horas entre o IES Ames e o CV Santiago; a segunda ás 12.00 horas entre o Xiria Gestiber e o Dompa Rúa Ourense; ás 17.00 hoas a loita polo 3º e 4º posto e ás 19.00 horas a final. Segundo explica o adestrador do Xiria Gestiber, Luís Outeiro, o equipo conta con dúas baixas importantes, xa que dúas das xogadoras, as centrais Uxía Caamaño e Ana Lista, están de intercambio co instituto en Francia e non poderán disputar os encontros. O Xiria suplirá as baixas con dúas xogadoras de categoría infantil e confía en ter posibilidades de clasificarse para a final. Tanto Rosalino Mariño, coordinador da sección de voleibol de Xiria, como o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixeron transmitir os seus parabéns ás xogadoras pola súa excelente tempada.

Oito percorridos pola comarca enchen o programa da quinta edición da Primavera en Ruta de Senda Nova

FINS DE SEMANA DO 6 DE ABRIL AO 8 DE XUÑO

Oito percorridos pola comarca enchen o programa da quinta edición da Primavera en Ruta de Senda Nova

Xoves 3 de abril do 2014

A Asociación Ambiental Senda Nova, coa colaboración do Concello de Carballo, organiza unha nova edición de "Primavera en ruta", unha iniciativa que cumpre xa cinco anos e que inclúe un total de oito percorridos de sendeirismo co obxectivo de fomentar a práctica deportiva e o espírito de convivencia no marco da contorna natural. Está previsto que as rutas teñan lugar entre o 6 de abril e o 8 de xuño e este ano incorpórase un novo percorrido, neste caso pola costa larachesa cunha visita á vila de Caión. Ademais, esta edición incorpóranse actividades paralelas para completar o programa; "Apaña2", "Aprendendo con Evaristo" e "Eu camiño, eu escribo". No primeiro caso, trátase de que os participantes nas rutas recollan de xeito voluntario e de forma grupal parte do lixo que se atopa durante os percorridos. "Aprendendo con Evaristo" suporá o reparto de fichas con preguntas referentes ás zonas e lugares concretos de importancia natural e cultural da zona. Esas fichas serán cubertas durante a ruta ou tamén a posteriori e serán entregadas ao persoal da asociación que, ao final do programa, establecerá premios para as mellores. Por último, "Eu camiño, eu escribo" consiste na realización de escritos nos que se reflictan as vivenzas dos participantes durante as rutas. Todos eles colgaranse na web e no Facebook da entidade.

Un total de 35 webseries de toda España participan na selección oficial do I Festival Carballo Interplay (CIP)

A CONCURSO ENTRE O 24 E O 27 DE ABRIL

Un total de 35 webseries de toda España participan na selección oficial do I Festival Carballo Interplay (CIP)

Mércores 2 de abril do 2014

A organización do I Festival de Webseries Carballo Interplay (CIP) acaba de dar a coñecer a selección oficial de webseries que entrarán a concurso entre o 24 e o 27 de abril durante a celebración do CIP. Un total de 35 foron seleccionadas entre os 104 traballo presentados, cunha escolma que inclúe cinco webseries que competirán polo premio á mellor en galego; un total de sete lidarán polo premio á mellor webserie de animación; e, o máis disputado e o máis concorrido, será o premio á mellor webserie en imaxe real. O comité de selección, conformado por seis persoas de ámbitos diferentes (integrantes da organización e persoas con experiencia en selección doutros festival, en dirección audiovisual e na rede) optou por combinar calidade e diversidade. Predominan aquelas webseries cun toque de humor, pero os xéneros van dende o documental ata o thriller, o terror ou a ciencia ficción, deixando polo medio un abano amplo no que atopar curiosas mesturas de xénero. Para escoller as gañadoras, as 35 webseries da sección oficial distribuiranse en sete bloques, que poderán verse as tardes do xoves 24, o venres 25 e sábado 26 de abril. Cada bloque terá unha duración aproximada dunha hora, a non ser o último do venres pola tarde, pois tras el haberá unha proxección sorpresa que a organización aínda non desvelou.

O conquense José Ramón Luna de la Ossa, gañador do XVI Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, que reparte 1.800 euros

PREMIO ESPECIAL CARBALLO PARA ALBERTE SÁNCHEZ, DE CULLEREDO

O conquense José Ramón Luna de la Ossa, gañador do XVI Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, que reparte 1.800 euros

Mércores 2 de abril do 2014

Un total de 211 imaxes de 87 autores e autoras teñen participado na XVI edición do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, que cada ano que pasa ten máis poder de convocatoria e que reúne a numerosos artistas e fotógrafos afeccionados de toda España. De feito, este ano tan só dous dos seis premiados proceden de Galicia. Os galardoados, seleccionados nunha reunión do xurado o pasado 19 de marzo, son os seguintes: o Primeiro Premio, dotado con 700 € e diploma, recaeu na fotografía que leva por título "Una vida juntos I" (na imaxe) presentada por José Ramón Luna de la Ossa, de Cuenca; como Segundo Premio, dotado con 450 € e diploma, resultou elixida a fotografía que leva por título "Nadador" presentada por Jordi Cohen Colldeforns, de Barcelona; o Premio Especial Carballo, dotado con 450 € e diploma, foi para a fotografía que leva por título "Cocadas" presentada por Alberte Sánchez Regueiro de Culleredo. Por último, o xurado tamén decidiu outorgar os seguintes Accésits, dotados con 125 € e diploma cada un, ás seguintes obras: á fotografía "Blue nets" presentada por José Beut Duato, de Valencia; e á fotografía "San Martín e o Mendigo" presentada por Ignacio Mascuñán Freijanes, de Vilanova de Arousa. O xoves 3 de abril a partir das 20.30 horas ten lugar no Pazo da Cultura a inauguración da exposición do certame.

Arrinca a campaña Check-in Carballo no pequeno comercio da vila: ofrece un premio dunha viaxe a Turquía para dúas persoas

DO 1 AO 26 DE ABRIL EN 27 COMERCIOS E LOCAIS HOSTALEIROS

Arrinca a campaña Check-in Carballo no pequeno comercio da vila: ofrece un premio dunha viaxe a Turquía para dúas persoas

Martes 1 de abril do 2014

O Concello de Carballo, co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade, propón o desenvolvemento da campaña Check in Carballo, que a través dos comercios situados na vila, así como da aplicación gratuíta Foursquare (app para móviles e tablets), pretende revitalizar o comercio local. Deste xeito, preténdense incentivar a compra no pequeno comercio, atraer novos clientes e visitantes aos establecementos, xerar unha maior presenza en Internet dos negocios e deseñar e desenvolver de forma personalizada a plataforma Carballo 2.0. O obxectivo é que os clientes e visitantes entren nos comercios de Carballo e compartan as súas impresións a través de Foursquare. A campaña dura do 1 ao 26 de abril, e invítase a toda a cidadanía a participar e conseguir a maior puntuación posible durante eses días no maior número de establecementos posible para poder optar a un premio. Este premio é unha viaxe para dúas persoas a Turquía, con percorrido por Estambul e a Capadocia. Durante o tempo que dure o Check in Carballo, o usuario descarga o app e cada vez que entre nun establecemento (os comercios participantes previamente tamén deben introducirse na app) fai un chek-in e deixa a súa impresión.

Aprobado no pleno ordinario de marzo un recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe de 55.000 euros

AS MOCIÓNS CENTRARON O DEBATE DA SESIÓN PLENARIA

Aprobado no pleno ordinario de marzo un recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe de 55.000 euros

Martes 1 de abril do 2014

O pleno ordinario de marzo, celebrado o luns 31 con máis de dúas horas e media de duración, supuxo a aprobación, co voto a favor de todos os grupos excepto TEGA, que se abstivo, e sen apenas debate, dun recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe de 55.334,67 euros, o segundo de 2014. Sumando os dous deste exercicio, a cantidade ascende a 116.492,98 euros, o que supón un 0,5 por cento do total do orzamento municipal de 2013. Seguindo cos asuntos económicos, recibiu a unanimidade de todos os corporativos a concesión dunha bonificación dun 95 por cento da cota tributaria íntegra do ICIO (Imposto sobre Instalacións, Construcións e Obras) a unha empresa que se instalará na nova fase do Parque Empresarial de Bértoa. Neste caso supón que se a empresa tiña que abonar 5.273 euros neste concepto, finalmente tan só terá que pagar 263,67 euros. Trátase dunha medida para favorecer a actividade económica e a promoción do emprego. Tamén recibiu unanimidade a aprobación dunha prórroga para o contrato administrativo de servizo público de "Limpeza viaria do Concello de Carballo". Aspaber é a empresa adxudicataria, que despois de dez anos de servizo solicitou a prórroga por un ano máis. O último dos asuntos aprobados por unanimidade supuxo a designación da Concelleira de Benestar, Inés Rodríguez, como representante do Concello de Carballo no Consello Escolar da Escola Infantil A Braña.

O pleno aborda a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito de 55.000 euros e dá conta dun remanente de 6,8 millóns

COMPARECENCIA DA VECIÑANZA DE ALDEMUNDE

O pleno aborda a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito de 55.000 euros e dá conta dun remanente de 6,8 millóns

Venres 28 de marzo do 2014

A sesión plenaria ordinaria do mes de marzo inclúe entre os asuntos da orde do día a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe de 55.334,67 euros, o segundo de 2014. O primeiro recoñeceu facturas presentadas até o 14 de xaneiro por 61.158,31 euros. Sumando os dous, a cantidade ascende a 116.492,98 euros, o que supón un 0,5 por cento do total do orzamento municipal de 2013, que ascendeu a 21.057.765,2 euros. Segundo explica a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, entre o 1,5 e 2 por cento con respecto do orzamento trataríase dunha operación dentro da normalidade da xestión de pagos de facturas. Así, o recoñecemento extraxudicial de crédito é unha fórmula na que se recolle o pago de facturas que se refiren a servizos ou actividades a prol do Concello desenvolvidas en 2013 pero que por diversas circunstancias, ben porque non se rexistraron antes do peche do exercicio, ben por outra serie de motivos, non puideron pagarse en 2013. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quere subliñar que o 0,5 por cento é un índice óptimo "moi lonxe do 5,59 por cento doutros tempos, como o do ano 1996". No apartado económico, o pleno tamén dará conta do peche orzamentario definitivo do ano 2013. O goberno tiña presentado un avance das cifras en febreiro deste ano, e agora ofrécense as definitivas, que reflicten un remanente de tesourería total de 6.871.853,52 euros.

Asinado o contrato de "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Oza, Entrecruces e Rus"

EMPRESA ADXUDICATARIA: ALEJANDRO MARTÍNEZ

Asinado o contrato de "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Oza, Entrecruces e Rus"

Xoves 27 de marzo do 2014

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura do contrato administrativo de obras de "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Oza, Entrecruces e Rus no Concello de Carballo". Estiveron na cita o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e representantes da empresa adxudicataria, Construcciones Alejandro Martínez e Hijos SL, ademais do Secretario do Concello. O orzamento de licitación era de 44.987,26 euros, mentres que os traballos foron adxudicados por 44.672,35 euros (IVE incluído). O prazo de execución previsto é de tres meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de replantexamento. Esta actuación está incluída no Plan provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal, POS Adicional, de 2013. O POS incluíu outros tres proxectos de saneamento e abastecemento de auga e de mellora de camiños que chegaron a un importe conxunto de 289. 211,2 euros. O primeiro foi a "Mellora de abastecemento en Xoane (parroquia de Goians) e Carracedo (parroquia de Ardaña)", adxudicado por 91.925,55 euros a Viaqua; o segundo, a "Rede de saneamento en Castelo, 2ª Fase, parroquia de Vilela", proxecto levado a cabo por Viaqua por 112.827,65 euros; por último, a empresa Ramón Vázquez y Reino asumiu por un custo de 84.458 euros os traballos de "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Razo, Sofán, Berdillo, Lema, Aldemunde, Goiáns, Carballo".

Os Venres Culturais pechan coa estrea de "Lisístrata", da Aula de Teatro Municipal, e cunha proposta para os máis cativos

VENRES 28, SÁBADO 29 E DOMINGO 30 DE MARZO

Os Venres Culturais pechan coa estrea de "Lisístrata", da Aula de Teatro Municipal, e cunha proposta para os máis cativos

Martes 25 de marzo do 2014

A Aula de Teatro Municipal (ATM) de Carballo estrea un novo traballo baixo a batuta, unha vez máis, do coñecido actor e director Artur Trillo, que asume a dramaturxia e a dirección da proposta. Atenas e Esparta viven de cheo a Guerra do Peloponeso (451-404 aC) por causa de... Ben, o porque é o de menos. Por calquera cousa, o caso é que están en guerra. Pois ben, un grupiño de mulleres deciden rematar con esta disputa, posto que a situación xa se fai insostible. E están dispostas a chegar ata as últimas consecuencias. A Aula de Teatro presenta nesta ocasión, se os deuses así o queren, unha adaptación libre realizada por Trillo dun dos textos máis recoñecidos da historia da literatura clásica: "Lisístrata" de Aristófanes. Unha comedia chea de enredos e de loitas de poder entre homes e mulleres coas que o público poderá divertirse de principio a fin. A cita é o venres 28 e o sábado 29 de marzo no auditorio do Pazo da Cultura a partir das 21.00 horas. A entrada é gratuíta con invitación e os convites poden recollerse nas oficinas do Pazo da Cultura de luns a venres 11.00 a 14.00 horas ou reservarse no 981 704 300. Tamén e posible recollelos dende dúas horas antes da representación no despacho de billetes cada día de función ata completar aforo. O espectáculo está recomendado para maiores de 13 anos e a duración aproximada é dunha hora.

Adxudicados os traballos de "Mantemento de camiños públicos nas parroquias de Rus, Entrecruces, Ardaña e Berdillo"

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicados os traballos de "Mantemento de camiños públicos nas parroquias de Rus, Entrecruces, Ardaña e Berdillo"

Luns 24 de marzo do 2014

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar a adxudicación do contrato administrativo de obras do "Plan de mellora de camiños 2013. Mantemento de camiños públicos nas parroquias de Rus, Entrecruces (na imaxe), Ardaña e Berdillo, Concello de Carballo", un proxecto financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader "Europa inviste no rural"). A empresa encargada de realizar os traballos será Construcciones Dámaso Ferreiro e Hijos SL por un prezo de adxudicación de 101.050 euros sendo o prazo de execución de 53 días naturais. A subvención concedida para a realización das obras ascende a 83.950,50 euros por resolución do director xeral de Agader. No apartado de contratación, tamén se modificou o Contrato administrativo especial "Concesión demanial de utilización privativa de bens de uso público municipal no casco urbano para a colocación de postos durante as festas patronais de San Xoán 2012-2013". Este cambio supón a aprobación dunha prórroga por outra anualidade máis, cunha concesión de bens para o ano 2014 entre o 22 e o 29 de xuño. A Xunta de Goberno tamén supuxo a aprobación dunha solicitude á Consellería de Traballo e Benestar de subvención para entidades de iniciativa social para o mantemento e promoción de actividades e proxectos na área dos servizos sociais.

O programa Primavera enDanza cumpre doce anos de achegamento da danza contemporánea ao público da comarca

CINCO ESPECTÁCULOS ENTRE O 4 E O 13 DE ABRIL

O programa Primavera enDanza cumpre doce anos de achegamento da danza contemporánea ao público da comarca

Luns 24 de marzo do 2014

Como cada mes de abril dende hai xa doce anos, o programa Primavera enDanza volve ao Pazo da Cultura para cumprir co seu labor de achegamento á danza contemporánea. Trátase dunha cita "non só para Carballo, senón que tamén abrangue unha perspectiva máis ampla", en verbas da Concelleira de Cultura, Mar Eirís, debido á escaseza deste tipo de propostas no panorama cultural. Trátase dun programa dirixido a todos os públicos, que desta volta inclúe unha cita do ciclo En Familia e que pretende ofrecer "propostas próximas a todo tipo de espectadores" para "romper coa imaxe elitista da danza", tamén segundo Eirís. Así, outro dos obxectivos de Primavera enDanza é o de "integrar aos artistas co público" e ofrecer claves para comprender mellor esta disciplina artística. O programa desenvólvese entre o 4 e o 13 de abril e inclúe cinco propostas doutras tantas compañías, tres galegas e dúas de Madrid. Conta co financiamento da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e a presentación contou co seu director, Jacobo Sutil, que definiu a oferta carballesa como "pioneira, continuada e moi activa na danza contemporánea en Galicia". O Concello tamén quixo agradecer a Sutil a colaboración da Agadic no desenvolvemento do programa.

Compartir: