Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello e 31 agrupacións do municipio subscriben o Convenio Musical 2010 por máis de 20.000 euros

REALIZARÁN ACTUACIÓNS AO LONGO DESTE ANO

O Concello e 31 agrupacións do municipio subscriben o Convenio Musical 2010 por máis de 20.000 euros

Xoves 6 de maio do 2010

Os representantes dun total de 31 agrupacións musicais do municipio, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, veñen de asinar o Convenio de Actuacións a favor de Grupos de Música e Danza Tradicional, Masas Corais, Orquestras, Conxuntos e Bandas de Música para o ano 2010. A maior parte das agrupacións pertencen a asociacións culturais e delas, 5 son grupos de danza tradicional, 4 grupos de gaitas, 5 cantareiras, 9 masas corais e 8 orquestras ou conxuntos. Mediante este convenio, ao longo do ao 2010 estes grupos realizarán actuacións de acordo co Concello no territorio municipal, previa solicitude. O Concello comprométese a aboar ás agrupacións asinantes o importe das actuacións conforme vaian sendo realizadas.

O Programa das Letras arrinca coa presentación dun libro e a inauguración dunha exposición de Manuel Facal

A MOSTRA ESTARÁ NO PAZO ATÉ O 2 DE XUÑO

O Programa das Letras arrinca coa presentación dun libro e a inauguración dunha exposición de Manuel Facal

Mércores 5 de maio do 2010

A sala da baixocuberta do 3º andar do Pazo da Cultura acolle até o 2 de xuño a exposición 'Galicia, será a miña xeración quen te salve?', unha homenaxe a Uxío Novoneyra, protagonista do Día das Letras de 2010. A mostra, incluída no Programa das Letras de Carballo, recolle 12 gravados do artista carballés Manuel Facal, acompañados de poemas de autores como Pura Vázquez, Luz Pozo, Manuel María, Salvador García Bolaño, Bernardino Graña e Xosé Luis Méndez Ferrín. Os gravados ocupan unha sala que, segundo explicou o Alcalde, Evencio Ferrero, foi o propio Facal quen suxeriu no seu momento que fora empregada para albergar exposicións, nunha contribución máis do artista para coa súa terra. Segundo o Alcalde, hai que recoñecer estas achegas desinteresadas e coa mostra, complementada coa presentación dun libro sobre Facal, dáse un novo paso para acadar o "desagravio para con un artista que é o único carballés vivo que mantén rúa en Carballo". O horario de visitas da exposición é de 18.00 a 21.00 horas.

A Brigada de Obras de Carballo rexistra durante o mes de abril un total de 90 avisos dos veciños e veciñas

SUPÓN UN INCREMENTO DUN 14 POR CEN RESPECTO A 2009

A Brigada de Obras de Carballo rexistra durante o mes de abril un total de 90 avisos dos veciños e veciñas

Martes 4 de maio do 2010

Ao longo do pasado mes de abril o Concello, a través da Alcaldía, ten recibido un total de 90 avisos de veciños e veciñas para realizar servizos de mantemento e arranxos en todo o territorio municipal. A Brigada de Obras é a encargada de xestionar estas peticións, que calquera cidadán pode realizar a través do no número de teléfono 981 704 700 ou ben no correo electrónico <infocarballo@carballo.org>. Os veciños e veciñas poden denunciar as deficiencias ou demandar os arranxos que consideren oportunos en materias como os sinais informativos ou de tráfico; os servizos básicos de augas, electricidade ou recollida de lixo; os asuntos relacionados con Carballo Limpo; os equipamentos dos edificios municipais, o mobiliario urbano ou as instalacións deportivas; a limpeza de espazos públicos; o alumeado público ou a mellora da rede viaria. Ao longo do pasado mes, os avisos téñense incrementado respecto do mesmo período do ano anterior, en que se rexistraron 77, incrementándose así a cobertura dos servizos no municipio.

Carballo festexa o Día das Letras cun programa dedicado aos libros, a música, a arte e o teatro

ENTRE O 4 DE MAIO E O 3 DE XUÑO

Carballo festexa o Día das Letras cun programa dedicado aos libros, a música, a arte e o teatro

Luns 3 de maio do 2010

Os libros, pero tamén as exposicións, o teatro, a música ou a arte, ademais do xa tradicional maratón de lectura 'As letras en voces' ou a figura de Uxío Novoneyra centran o programa cultural que xira en torno ao Día das Letras, festexado o 17 de maio e que enche Carballo de actividades moi variadas ao longo de todo o mes. A oferta comeza o martes 4 de maio a a partires das 20.00 horas coa presentación do libro 'Manuel Facal', escrito sobre a figura do gravador carballés, e coa apertura, acto seguido, da exposición 'Galicia, será a miña xeración quen te salve?', que supón unha homenaxe a Uxío Novoneyra realizada polo propio Manuel Facal e diversos poetas. Péchase o 3 de xuño cun acto músico-poético, tamén arredor da figura de Novoneyra, no Pazo da Cultura. Son o principio e a fin dun mes cheo de propostas, moitas delas coa colaboración das asociacións culturais e dos centros de ensino do Concello e dirixidas a todos os públicos.

A regueifa, a maxia, o teatro, as ilustracións ou a música centran as actividades da V Semana do Libro e a Lectura

DO DOMINGO 9 AO VENRES 14 DE MAIO NO PAZO DA CULTURA

A regueifa, a maxia, o teatro, as ilustracións ou a música centran as actividades da V Semana do Libro e a Lectura

Venres 30 de abril do 2010

Entre o domingo 9 e o venres 14 de maio o Pazo da Cultura acolle a V Semana do Libro e a Lectura de Carballo, unha cita dirixida especialmente aos alumnos e alumnas dos centros de ensino do municipio e ao seu profesorado, pero tamén ao público en xeral, que ten como obxectivo "espertar o desexo de ler", segundo explica a Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro. Esta cita, organizada polo Concello e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) coa colaboración de Caixanova e Conservas Calvo, contará con obradoiros, exposicións, contacontos, teatro e maxia e afondará en disciplinas como a regueifa, a gráfica creativa, a oralidade, a dramatización, a escrita creativa, a música ou a expresión corporal. Nesta semana, pola que xa teñen pasado en anteriores edicións uns 5.000 nenos e nenas, todo está orientado a fomentar o amor pola lectura máis aló do ámbito escolar, porque, segundo subliña Xoán Costa, presidente da AS-PG, "para educar a un neno fai falta toda unha tribu". Nesta edición o tema principal é a cidade.

Primavera enDanza remata co espectáculo 'Flexelf', da compañía catalana CIA Mudances

VENRES 30 DE ABRIL ÁS 21.00 HORAS

Primavera enDanza remata co espectáculo 'Flexelf', da compañía catalana CIA Mudances

Mércores 28 de abril do 2010

O venres 30 de abril finaliza o festival de Primavera enDanza, que se vén celebrando desde o 16 de abril. Neste caso, e despois da actuación dunha compañía madrileña e tres galegas, chega desde Cataluña CIA Mudances que presenta en Carballo, por primeira vez, o espectáculo de danza contemporánea 'Flexelf'. A coreógrafa Àngels Margarit dirixe esta compañía de enorme proxección internacional que é un dos referentes da danza do noso país e unha das compañías máis consolidadas, cun persoalísimo estilo de creación. Este espectáculo, dunha duración prevista de 60 minutos, terá lugar ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura e forma parte da programación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A entrada con prezo ordinario é de 3,5 euros e con prezo reducido é de 2,5. As entradas poden reservarse no 981 704 300 de 10.00 a 14.00 horas ou mercarse no Despacho de billetes do Pazo, de 19.00 a 21.00 horas, o día da función.

Visto bo á cesión de terreos para a creación de beirarrúas na estrada de Santiago nas parroquias de Rus, Ardaña e Entrecruces

APROBADA A INICIATIVA VECIÑAL DE SAN SALVADOR DE SOFÁN

Visto bo á cesión de terreos para a creación de beirarrúas na estrada de Santiago nas parroquias de Rus, Ardaña e Entrecruces

Martes 27 de abril do 2010

A sesión plenaria ordinaria celebrada o luns 26 de abril supuxo a aprobación por parte da corporación da cesión de terreos situados na DP-1914 por parte da Deputación Provincial da Coruña para a execución de beirarrúas nas parroquias de Rus, Ardaña (na imaxe, 2ª fase das obras de creación de beirarrúas en Ardaña) e Entrecruces. Segundo o acordo, o Concello obtén os terreos necesarios para a dotación de beirarrúas e a urbanización dos treitos da estrada de Santiago situados en Canosa, Ponte Rosende -na Igrexa de Ardaña- e Taboada. Estas actuacións de mellora están incluídas no POS (Plan de Obras e Servizos da Deputación) 2010 por 181.370,51, 160.850,91 e 40.376,57 euros cada proxecto, respectivamente. Polo acordo plenario, o Concello declara que dispón dos terreos, augas e servidumes necesarios para a execución destas obras. Aínda que a Administración Local pasa a ser titular dos terreos nos que se crearán as beirarrúas, a estrada, que une Carballo con Santiago de Compostela, seguirá sendo nestes treitos de titularidade provincial.

Aprobado o expediente de contratación para o subministro e instalación de maquinaria para o proxecto Fórum Carballo

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado o expediente de contratación para o subministro e instalación de maquinaria para o proxecto Fórum Carballo

Luns 26 de abril do 2010

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar en sesión plenaria ordinaria o luns 26 de abril o expediente para o contrato administrativo do 'Subministro e instalación de maquinaria por lotes para o proxecto Fórum Carballo'. O obxectivo é a adquisición e equipamento de maquinaria para varios dos edificios do complexo da Casa dos Oficios do barrio da Milagrosa. O primeiro dos lotes refírese á nave número 4, destinada a taller de carpintería de madeira, cun orzamento de licitación de 68.045,60 euros; o segundo, á nave número 5, destinada a taller de cantería, cun orzamento de licitación de 52.515,52 euros; e por último equiparase a nave número 5 coa instalación dunha ponte grúa por un importe de licitación de 25.143 euros. Este contrato está financiado nun 70 por cento por fondos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) e o sistema de adxudicación será o procedemento aberto. Hai que lembrar que o proxecto Fórum Carballo conta con cinco naves que están en fase de construción, nun proceso que está previsto que remate a finais de 2010.

O Concello convoca a terceira edición dos Premios Carballo Emprende para o fomento da cultura emprendedora

INSCRICIÓNS ATÉ O 10 DE MAIO

O Concello convoca a terceira edición dos Premios Carballo Emprende para o fomento da cultura emprendedora

Venres 23 de abril do 2010

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Manuel García Guillín, convoca a terceira edición dos Premios Carballo Emprende, que, neste caso, teñen por obxectivo promover a cultura emprendedora no ámbito educativo e apoiar os programas formativos para o fomento da emprendeduría, así como impulsar a creación de novos proxectos empresariais e a aparición de novas actividades económicas. Estes galardóns divídense en dúas categorías: o III Premio de Programas de Fomento da Emprendeduría, dirixido a centros educativos e entidades sen ánimo de lucro; e o III Premio de Ideas Empresariais, para emprendedores ou empresas de nova creación. As solicitudes para participar poden entregarse no Rexistro do Concello entre o 22 de abril e o 10 de maio ata as 13.00 horas. As bases do premio e o impreso de inscrición poden descargarse nesta mesma nova, ademais de poder solicitarse no propio Rexistro do Concello e no Viveiro de Empresas situado no polígono de Bértoa.

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle a I Proba do Campionato de España de Quadcross

O SÁBADO 1 E O DOMINGO 2 DE MAIO

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle a I Proba do Campionato de España de Quadcross

Venres 23 de abril do 2010

O Circuíto de Motor de Bértoa do Concello de Carballo acolle a fin de semana do sábado 1 e domingo 2 de maio a celebración da I Proba do Campionato de España de Quadcross. É a primeira vez que se organiza esta competición a nivel nacional, e a organización escolleu o circuíto de Bértoa, que tamén acolle a súa primeira carreira neste ano 2010, para abrir o Campionato. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, subliña que está previsto que ao longo da tempada se celebren un total de nove probas no circuíto carballés. A cita, para a que aínda están abertas as inscricións, conta xa cun "bo número de participantes", segundo apunta Iván René Barreiro, de Ecoquad Galicia e membro do comité organizador, que tamén anunciou a presenza de pilotos locais na proba. A cita comeza o sábado 1 cos adestramentos libres a partires das 15.00 horas, e a proba propiamente dita, nas súas diferentes categorías, terá lugar o domingo 2 a partires das 8.30 coas cronos e até as 15.30 horas.

O pleno aborda a aprobación do convenio de colaboración co Consorcio Galego para a xestión do Centro de Día

A SESIÓN INCLÚE A INICIATIVA VECIÑAL DE SAN SALVADOR DE SOFÁN

O pleno aborda a aprobación do convenio de colaboración co Consorcio Galego para a xestión do Centro de Día

Venres 23 de abril do 2010

O pleno da corporación aborda na sesión ordinaria do luns 26 de maio a aprobación dun Convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Carballo para a xestión do Centro de Día situado na Praza de Vigo da capital municipal. Este centro comezou a construírse a comezos de 2008 e hai tempo que está completamente finalizada. O Concello está á espera de que a Xunta ultime os detalles da xestión. O convenio establece que a Administración Local deberá asumir o 30 por cento dos gastos correntes das instalacións, mentres que o Consorcio asumirá os gastos de persoal así como a dotación de mobiliario e todo o material necesario para que o edificio comece a ofrecer os seus servizos. Polo de agora, a Xunta non ten especificado o número de prazas que estarán dispoñibles no edificio, que está previsto que entre en funcionamento no segundo semestre de 2010.

A compañía galega Pisando Ovos toma o relevo da danza infantil no programa de Primavera enDanza

SÁBADO 24 DE ABRIL ÁS 21.00 HORAS

A compañía galega Pisando Ovos toma o relevo da danza infantil no programa de Primavera enDanza

Xoves 22 de abril do 2010

Despois do espectáculo infantil de Aracaladanza 'Pequeños Paraísos' -o venres 23 de abril ás 20.00 horas- chega ao programa de Primavera enDanza o sábado 24 a compañía galega Pisando ovos, coa súa proposta 'Tres'. Nel prodúcense os encontros e desencontros de tres mulleres condicionadas pola súa sexualidade e experiencias persoais. Un mundo por revelar que se irá abrindo a medida que o proceso avance, rescatando historias persoais e outras comúns. A representación, dunha duración prevista de 70 minutos, é a partires das 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e o prezo da entrada é de 3,5 €, de 2,5 € con desconto. As entradas poden reservarse nas oficinas situadas no primeiro andar do Pazo da Cultura ou mercarse dende dúas horas antes do inicio do espectáculo no despacho de billetes do Pazo. Esta cita forma parte da programación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Máis información no 981 704 300.

Compartir: