Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Eixo Atlántico considera o deporte como un dos seus piares básicos e céntrase na próxima edición dos seus Xogos

XUNTANZA DA COMISIÓN DELEGADA EN CARBALLO

O Eixo Atlántico considera o deporte como un dos seus piares básicos e céntrase na próxima edición dos seus Xogos

Xoves 11 de marzo do 2010

O Pazo da Cultura de Carballo vén de acoller o mércores 10 de marzo a celebración dunha xuntanza da Comisión Delegada de Deportes do Eixo Atlántico. A cita, que se desenvolveu durante toda a mañá e á que asistiron representantes da ampla maioría dos 34 concellos que forman parte do Eixo (17 de Galicia e 17 de Portugal), serviu para determinar a importancia da xestión deportiva dentro da estrutura do Eixo, amosándose como un dos seus piares fundamentais. Entre os asuntos da orde do día, tratouse sobre o balance dos Xogos do Eixo celebrados o ano pasado na cidade da Coruña, que se saldaron cunha medalla de ouro para Carballo na modalidade de natación. Precisamente un dos obxectivos do Eixo é fortalecer esta cita, que no futuro podería converterse nun novo espazo para o intercambio xuvenil.

A compañía barcelonesa Titzina Teatro presenta nos Venres Culturais a obra 'Exitus'

VENRES 12 DE MARZO ÁS 21.00 HORAS

A compañía barcelonesa Titzina Teatro presenta nos Venres Culturais a obra 'Exitus'

Mércores 10 de marzo do 2010

Despois da música de autor, o teatro volve ao programa dos Venres Culturais 2010. A compañía catalá Titzina Teatro presenta o espectáculo 'Exitus', unha obra na que un home na procura de emprego, un funerario, un directivo dun laboratorio farmacéutico e un avogado entremesturan as súas vidas sen que eles mesmos sexan conscientes do destino común que os une. Catro persoas que se enfrontan á morte desde puntos de vista tan diversos coma o dunha profesión, unha traxedia ou un acto irreversible da vida. A función é o venres 12 de marzo a partires das 21.00 horas. O prezo da entrada é de 3,5 euros, 2,5 euros con desconto. A taquilla está aberta o mesmo día da función de 19.00 a 21.00 horas. A duración prevista do espectáculo é de 85 minutos. Esta actuación conta coa colaboración da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

Preto de 30 mulleres asisten a un Curso de Ximnasia Pre parto organizado polo CIM Carballo

CONMEMORACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER O MÉRCORES 10

Preto de 30 mulleres asisten a un Curso de Ximnasia Pre parto organizado polo CIM Carballo

Martes 9 de marzo do 2010

Arredor de 30 mulleres asisten dende o pasado 22 de febreiro a un Curso de Ximnasia Pre parto organizado polo Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo. A Concellaría de Igualdade e Benestar que dirixe Dores Silveira quere subliñar a elevada demanda que ten experimentado esta actividade, que está dividida en dous grupos de aproximadamente 14 alumnas. O número varía porque se rexistran novas incorporacións e baixas segundo se van producindo os partos. Unha matrona titulada imparte o cursiño os luns de 16.00 a 17.00 e de 17.00 a 18.00 horas. Ademais de practicar ximnasia relacionada co parto, tamén se inclúen coñecementos de educación maternal post parto mentres está de baixa a matrona do Centro de Saúde de Carballo. Así, o cursiño, que seguirá até o mes de xuño, consta dunha parte teórica e outra práctica.

Un total de 331 persoas participan no Programa de Exercicio Físico para Maiores do Concello

A ACTIVIDADE CHEGA Á CAPITAL MUNICIPAL E A SETE PARROQUIAS

Un total de 331 persoas participan no Programa de Exercicio Físico para Maiores do Concello

Luns 8 de marzo do 2010

O Concello de Carballo, a través da Concellería de Deporte, que dirixe Marcos Trigo, e da Concellaría de Terceira Idade, que dirixe Carmen Regueira, organiza, en colaboración coa Deputación da Coruña, un Programa de Exercicio Físico para Adultos Maiores de 60 anos. Na quenda do curso 2009-2010 teñen sido admitidos un total de 331 participantes, que desenvolven a actividade tanto no casco urbano como nun total de sete parroquias, incrementándose o número de grupos e participantes respecto do período anterior. Os participantes divídense en 13 grupos, seis no casco urbano e nas parroquias de Berdillo, Cances, Entrecruces, Imende, Noicela, Razo e Rus. Entre as parroquias, un dos lugares que ten apuntados máis maiores é Berdillo, con 33. Os maiores desenvolven neste programa sesións de exercicio físico de intensidade baixa ou moderada para contribuír a mellorar a súa saúde.

A carballesa María José Costa Valiña, 'Chiña', emprende a súa primeira exposición cunha 'Incursión ao sutil'

ATÉ O 4 DE ABRIL NO ANDAR -1 DO PAZO DA CULTURA

A carballesa María José Costa Valiña, 'Chiña', emprende a súa primeira exposición cunha 'Incursión ao sutil'

Venres 5 de marzo do 2010

A artista carballesa María José Costa Valiña, 'Chiña', amosa a súa primeira exposición, composta por 24 obras, a través dunha viaxe a "unha paisaxe interior" que leva por título 'Incursión ao sutil'. Aínda que Chiña xa ten colaborado nalgunha mostra colectiva realizada en Carballo con outros artistas locais e volverá a facelo este ano, esta é a súa primeira experiencia en solitario, na que agradece "a oportunidade de ver a miña obra ao completo". Nela recóllense traballos realizados dende 2002 a 2009, reflectindo, segundo explica a propia Chiña, dúas etapas diferentes: unha primeira, centrada "nunha realidade máis visible"; e unha máis recente, máis intimista. A mostra pode visitarse no andar -1 do Pazo da Cultura até o 4 de abril, en horario de 18.00 a 21.00 horas.

O Concello e o CCA Carballo invitan aos veciños e veciñas á Feira das Oportunidades do comercio local

A FIN DE SEMANA DO 13 E 14 DE MARZO

O Concello e o CCA Carballo invitan aos veciños e veciñas á Feira das Oportunidades do comercio local

Venres 5 de marzo do 2010

O Concello de Carballo e o Centro Comercial Aberto (CCA) da vila organizan por segundo ano consecutivo una Feira das Oportunidades na que participan un total de 30 establecementos do municipio que poñen á venda productos excedentes da temporada, moi por debaixo do prezo de mercado pero cunha excelente calidade e co prestixio engadido do comercio carballés. Esta iniciativa é a primeira e máis importante das actividades incluídas no programa do Feirón de Primavera, que, aínda que este ano cae a 30 de maio, estende no tempo as súas propostas para dinamizar o comercio e as feiras de Carballo. A Feira situarase a fin de semana do 13 e 14 de marzo nunha carpa de 1.200 metros cadrados situada no aparcamento do San Martiño e contará con 33 stands: 30 de tendas do CCA, e outros tres destinados á información e como área de descanso. O horario de apertura é de 10.00 a 21.00 horas de forma ininterrompida.

A poboación do Concello de Carballo chega aos 31.252 veciños e veciñas, cun crecemento de 238 habitantes en 2009

BARÓMETRO MUNICIPAL

A poboación do Concello de Carballo chega aos 31.252 veciños e veciñas, cun crecemento de 238 habitantes en 2009

Venres 5 de marzo do 2010

O Concello de Carballo vén de presentar os datos do Barómetro Municipal anual que se vén realizando dende o ano 2003. Os datos, actualizados a 1 de xaneiro de 2010, indican que a poboación total do municipio é de 31.252 habitantes. O saldo neto do Padrón municipal amosa que en 2009 houbo 1.178 altas fronte a 940 baixas, o que ofrece un crecemento neto de 238 veciños e veciñas neste período. Porén, o Alcalde, Evencio Ferrero, afirma que a crise tamén se empeza a notar un pouco nos indicadores municipais, xa que, fronte aos datos positivos de 2008, en 2009 téñense rexistrado máis defuncións que nacementos, cun crecemento vexetativo negativo de -2. En todo caso, a poboación de Carballo segue a medrar, cun balance total de 15.966 mulleres e 15.286 homes, sendo máis da metade persoas entre os 35 e os 64 anos.

O comercio de Carballo resiste os embates da crise, segundo un estudo do Observatorio da Cámara de Comercio

O MUNICIPIO CONTA CON 686 ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS

O comercio de Carballo resiste os embates da crise, segundo un estudo do Observatorio da Cámara de Comercio

Xoves 4 de marzo do 2010

O comercio de Carballo e a súa área de influencia configúranse como "unha das principais fontes de emprego do territorio". Este sector tense visto afectado pola crise, pero tamén ten superado mellor a situación en comparación co conxunto de Galicia. Así, segundo un estudo realizado en 2009 polo Observatorio Socioeconómico da Cámara de Comercio, "o comercio de Carballo resiste". O municipio constitúese como o principal centro de actividade comercial das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, cun total de 686 comercios minoristas (exclúense as grandes superficies e os establecementos dos centros comerciais); en segundo lugar atópase Cee, con 248. Porén, o comercio ten experimentado unha ralentización no seu crecemento e acusa certas problemáticas que hai que afrontar. O Alcalde carballés, Evencio Ferrero, afirma que é o momento de "facer políticas reais" e "trazar colectivamente alternativas" que ofrezan "solucións" para superar a actual conxuntura económica.

O cantautor Roger de Flor presenta no Pazo da Cultura o seu traballo 'Naturalidad silvestre'

VENRES 5 DE MARZO ÁS 21.00 HORAS

O cantautor Roger de Flor presenta no Pazo da Cultura o seu traballo 'Naturalidad silvestre'

Xoves 4 de marzo do 2010

O cantautor de Fene Roger de Flor presenta o venres 5 de marzo no Pazo da Cultura o seu último e esperado traballo 'Naturalidad silvestre'. Nel ofrece, na súa maioría, composicións propias de estilos como o swing pop, o country ou a balada, sempre co toque humorístico e persoal que este artista lles imprime ás súas cancións. En canto á súa traxectoria, logo de participar en diversos proxectos, como Bang 74 ou La sociedad protectora del hombre mono, De Flor inicia a súa carreira en solitario no ano 2007. Destaca por ser un músico imaxinativo, versátil e con talento capaz de mesturar a tradición coa súa propia sensibilidade pos moderna. A cita, incluída no programa dos Venres Culturais 2010, é a partires das 21.00 horas. O prezo da entrada é de 3 euros; 2 euros con prezo especial con desconto. A taquilla estará aberta de 19.00 a 21.00 horas.

O Telecentro de Carballo acolle o 11 de marzo unha cata virtual de viño por vídeo conferencia

A SEDE DA CITA É A FEIRA DO VIÑO DE CHANTADA

O Telecentro de Carballo acolle o 11 de marzo unha cata virtual de viño por vídeo conferencia

Mércores 3 de marzo do 2010

Os veciños e veciñas de Carballo que queiran saber un pouco máis sobre enoloxía tan só teñen que anotarse e participar na cata virtual que terá lugar o próximo xoves 11 de marzo en vídeo conferencia e retransmitida de xeito simultáneo a oito Telecentros de Comunicación en toda Galicia, entre os que se atopa o de Carballo. A cita desenvolverase en horario de 20.00 a 22.00 horas e a solicitude de participación pode formalizarse dende o portal web do Centro Multimedia de Galicia. En tan só cinco días que leva aberto o proceso de inscrición, xa se teñen solicitado 100 das 229 prazas ofertadas para a cata, que terá lugar en Chantada, Santiago de Compostela, Tui, O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos, Carballo, Oroso, e Catoira. Os interesados e interesadas en inscribirse tamén poden facelo chamando ao Telecentro no 981 704 300.

O Centro de Dinamización da Sociedade da Información pechou febreiro con 40 novos usuarios e usuarias

IMPARTÍRONSE 28 HORAS DE FORMACIÓN TECNOLÓXICA

O Centro de Dinamización da Sociedade da Información pechou febreiro con 40 novos usuarios e usuarias

Mércores 3 de marzo do 2010

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información (RDSI) continuou en febreiro co seu traballo a prol da inmersión da sociedade galega nas Novas Tecnoloxías en Carballo. No mes que rematou impartiu un total de 3 obradoiros tecnolóxicos, a través dos que se formou a 30 persoas e que se estenderon ao longo de 28 horas. Os obradoiros impartidos este mes foron 'Iniciación á Informática', 'Iniciación á Internet' e 'Creación de correo electrónico'. Asemade, un total de 40 persoas inscribíronse como usuarios/as da Rede para poder aproveitar -sempre de xeito gratuíto- as instalacións e todas as iniciativas que se ofertan nas horas de Aula Aberta, que foi utilizada nun total de 516 ocasións. En canto aos números xerais da Rede, desde que botara a andar neste concello de Carballo en xaneiro de 2007 foron xa 883 os usuarios e usuarias que fixeron o carné da RDSI.

Un total de 17 persoas, a maioría mulleres, recollen os diplomas dun curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes

O CONCELLO SOLICITA CINCO ACTIVIDADES FORMATIVAS PARA 2010

Un total de 17 persoas, a maioría mulleres, recollen os diplomas dun curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes

Mércores 3 de marzo do 2010

Un total de 17 persoas veñen de finalizar un curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais. Trátase de 16 mulleres e un home, todos en estado de desemprego, das comarcas de Bergantiños e Arteixo e pertencentes aos sectores nos que a taxa de paro é maior. A Deputación da Coruña seleccionou no seu momento ao Concello de Carballo como lugar onde impartir esta actividade, enmarcada no proxecto Rede Xiana (Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade no mercado laboral galego) e promovido pola Deputación na convocatoria de Axudas do Fondo Social Europeo durante o período 2007-2013 a través do Ministerio de Administracións Públicas. A Concelleira de Formación, María Manso, subliñou que o coidado de persoas dependentes "é un traballo de vocación" e desexoulles aos recentes diplomados que atopen "pronto un posto de traballo, algo bo para vós e para a sociedade".

Compartir: