Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O 'Novembro con música 08' entra na súa recta final entre acordeóns e música coral

SANTA CECILIA

O 'Novembro con música 08' entra na súa recta final entre acordeóns e música coral

Venres 28 de novembro do 2008

O programa do 'Novembro con música 08' está a piques de dar os seus últimos compases, neste caso coa música dos acordeóns da man do profesor do Conservatorio de Carballo, Manuel Bello, e tamén co tradicional festival de corais Santa Cecilia 2008, que organiza a Coral Polifónica de Bergantiños. O venres 28 e o sábado 29 de novembro ás 21.00 horas o auditorio do Pazo da Cultura dará paso á recta final dun mes dedicado á música, que terá o peche definitivo coa actuación da Banda Municipal de Carballo o 5 de decembro.

Os hábitos saudables e a promoción dos produtos do agro, protagonistas do Feirón de Outono

30 DE NOVEMBRO

Os hábitos saudables e a promoción dos produtos do agro, protagonistas do Feirón de Outono

Venres 28 de novembro do 2008

Unha carpa de 275 metros cadrados cun equipo de 30 persoas, un concurso de produtos do agro, unha 'pulpeira', unha exposición audiovisual, animación de rúa, o pan, as castañas e outros produtos de tempada serán os protagonistas do Feirón de Outono que Carballo celebra o domingo 30 de novembro. Así, 'Pasea a túa Saúde' e 'Merca-do bo' son dous programas que contarán con cadansúa carpa na Praza do Concello co obxecto de promover os estilos de vida saudable, a dieta atlántica e a compra de produtos do agro do municipio e da comarca. Durante todo o día haberá un amplo abano de actividades destinadas a dinamizar a feira e a redundar na saúde dos veciños e veciñas.

O Concello garante que os xogos do parque infantil de Sofán cumpren todas as medidas de seguridade para o uso dos nenos e nenas

OBRAS E SERVIZOS

O Concello garante que os xogos do parque infantil de Sofán cumpren todas as medidas de seguridade para o uso dos nenos e nenas

Xoves 27 de novembro do 2008

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, informan aos usuarios e usuarias do parque infantil situado no entorno do Centro Social de Sofán de que os xogos e aparellos desas instalacións cumpren con todas as medidas de seguridade requeridas e contan con todos os certificados oficiais precisos para o seu emprego público. O Concello quere aclarar que esta actuación, realizada ante a demanda dos veciños e veciñas de Sofán, fíxose con todas as garantías por parte da empresa adxudicataria -Galopín Parques SL- e que contou coas ferramentas de seguimento pertinentes para asegurar o seu bo funcionamento dende a súa instalación.

A capital municipal conta cunha pista de patinaxe sobre xeo por cuarto ano consecutivo

PROMOCIÓN DO COMERCIO

A capital municipal conta cunha pista de patinaxe sobre xeo por cuarto ano consecutivo

Xoves 27 de novembro do 2008

O Concello de Carballo contará un ano máis, e por cuarta vez consecutiva, cunha pista de patinaxe sobre xeo que estará situada nunha carpa no aparcadoiro do Centro Comercial Bergantiños dende principios de decembro ata o 11 de xaneiro. A pista, de 15 por 30 metros, ten capacidade para 150 persoas patinando e terá un horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 22.00 horas. O Concello carballés resalta a importancia destas instalacións "como motor para o comercio" e como un medio para atraer a xente de toda a Costa da Morte, ou incluso de Santiago ou A Coruña, segundo subliña o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín.

Carballo contará con dous campos de chave na zona verde situada no entorno de Rego da Balsa

CULTURA E DEPORTE

Carballo contará con dous campos de chave na zona verde situada no entorno de Rego da Balsa

Mércores 26 de novembro do 2008

O Concello de Carballo vén de aprobar en Xunta de Goberno un convenio de cooperación entre a Xunta de Galicia e o Concello para a creación de infraestruturas de deporte tradicional. Mediante este acordo, será posible a creación de dous campos de chave semicubertos na zona verde do polígono urbano número 26 da capital municipal, situado na rúa Perú no entorno de Rego da Balsa. O convenio inclúe o proxecto básico e de execución realizado por encargo da Consellería de Cultura e Deporte, que financia o proxecto na súa totalidade con máis de 57.000 euros.

Luz verde para a urbanización do entorno da rúa Gravador Manuel Facal, no polígono 9 da capital municipal

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Luz verde para a urbanización do entorno da rúa Gravador Manuel Facal, no polígono 9 da capital municipal

Martes 25 de novembro do 2008

A Xunta de Goberno Local -reunida o luns 24 de novembro- deu a aprobación definitiva ao proxecto de urbanización do polígono 9 da capital municipal, situado no entorno da rúa Gravador Manuel Facal. O desenvolvemento desta área supón a creación de beirarrúas en ámbalas dúas marxes desta vía e a dotación de servizos na marxe esquerda, coa implantación de redes de augas pluviais e residuais, alumeado público e mobiliario urbano. Así mesmo, o polígono inclúe a urbanización dos primeiros metros dunha nova rúa perpendicular ás rúas Gravador Manuel Facal e Pintor Urbano Lugrís, unha vía que alindaría coa Avenida de Bergantiños e transcorrería paralela á Gran Vía e á Vila de Negreira. O orzamento global para o desenvolvemento da urbanización é de 147.234 euros.

As carpas de 'Merca-do-bo' e 'Pasea a túa saúde' centran as actividades do Feirón de Outono

30 DE NOVEMBRO

As carpas de 'Merca-do-bo' e 'Pasea a túa saúde' centran as actividades do Feirón de Outono

Martes 25 de novembro do 2008

O domingo 30 de novembro o Concello de Carballo celebra o Feirón de Outono, dentro da campaña da Concellaría de Promoción Económica para potenciar as feiras e o comercio local da vila. As actividades céntrase en dúas carpas correspondentes con dous programas: 'Merca-do-bo' e 'Pasea a túa saúde'. No primeiro caso, o obxectivo é fomentar a dieta atlántica e os produtos locais; no segundo, promover hábitos de vida saudables e a práctica do exercicio físico a través do programa 'Carballo Saudable', que chega así á súa fin despois de varios meses de actividades.

O Goberno saca adiante a aprobación do Plan de Obras e Servizos, que inclúe a mellora da travesía de Bértoa

PLENO ORDINARIO DO MES DE NOVEMBRO

O Goberno saca adiante a aprobación do Plan de Obras e Servizos, que inclúe a mellora da travesía de Bértoa

Martes 25 de novembro do 2008

O Goberno carballés aprobou o luns 24 de novembro en sesión plenaria ordinaria o Plan de Obras e Servizos (POS) e o Plan Complementario da Deputación para 2009 por un importe global de máis de 850.000 euros. A maioría das actuacións están destinadas a saneamentos en parroquias como Bértoa Sofán ou Oza, aínda que tamén se inclúe o ensanche e mellora da travesía de Bértoa -nunha primeira fase dende o cemiterio cara a igrexa- por 181.604 euros, ou a creación de accesos ao porto de Razo -na imaxe- por 143.621 euros, entre outras.

O Concello solicita a colaboración do Inega para desenvolver un plan de aforro enerxético

INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

O Concello solicita a colaboración do Inega para desenvolver un plan de aforro enerxético

Luns 24 de novembro do 2008

O Concello de Carballo vén de solicitar a colaboración do Inega (Instituto Enerxético de Galicia) para elaborar unha auditoría enerxética dos equipamentos municipais que permita desenvolver un plan de aforro e de eficiencia que facilite a redución do consumo enerxético e a posibilidade de aplicar tanto as enerxías renovables, como políticas para optimizar os recursos, na construción de futuras edificacións e equipamentos, así como na contratación de novos proxectos.

Carballo achégase aos movementos migratorios a través dunha xornada de sensibilización

28 DE NOVEMBRO

Carballo achégase aos movementos migratorios a través dunha xornada de sensibilización

Luns 24 de novembro do 2008

O Concello, a través da iniciativa Carballo Integra, achégase o vindeiro venres 28 de novembro ao fenómeno da emigración coa celebración dunha Xornada sobre os Desafíos e Influenzas dos Movementos Migratorios na Galicia actual e contemporánea. O obxectivo desta actividade, segundo explica a Concelleira de Emigración, Lourdes Rey, "é comprender mellor a nosa historia como emigrantes e como vila que acolle a novas persoas cada día". Os interesados e interesadas poden inscribirse de balde ata o 26 de novembro e os asistentes recibirán un diploma acreditativo.

O pleno aborda a aprobación do Plan de Obras e Servizos de 2009 por un importe de 685.000 euros

SESIÓN ORDINARIA DE NOVEMBRO

O pleno aborda a aprobación do Plan de Obras e Servizos de 2009 por un importe de 685.000 euros

Venres 21 de novembro do 2008

A corporación de Carballo celebra o luns 24 de novembro unha sesión ordinaria do pleno no que o principal punto da orde do día é a aprobación do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación de 2009 por un importe total de 685.972,16 euros, dos que o Concello aporta 47.020. O plan recolle seis proxectos, a maioría dos cales están destinados a completar a rede de saneamentos en parroquias nas que nestes momentos non se están desenvolvendo actuacións nese sentido por parte da Xunta a través de Augas de Galicia.

As I Xornadas Carballo PortaAberta fomentan entre os veciños e veciñas o coñecemento e uso das novas tecnoloxías

ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA

As I Xornadas Carballo PortaAberta fomentan entre os veciños e veciñas o coñecemento e uso das novas tecnoloxías

Venres 21 de novembro do 2008

Entre o 28 de novembro e o 4 de decembro o Concello de Carballo organiza as I Xornadas Carballo PortaAberta que nacen co obxectivo principal de fomentar o uso das novas tecnoloxías e da administración electrónica entre os veciños e veciñas do municipio. Así mesmo, durante o desenvolvemento das xornadas presentaranse os resultados da iniciativa territorio.net, que pretende ofrecer ao Concello unha ferramenta de xestión territorial dende a que se poida obter información sobre calquera punto do ámbito municipal. O prazo de inscrición para as xornadas é de balde, e está aberto dende o 17 de novembro.

Compartir: