Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

Evencio Ferrero anuncia no Consello Parroquial de Sísamo que xa se está traballando no proxecto da terceira fase da travesía

A Deputación da Coruña executará o ano que vén o treito que vai desde o cruce coa rúa Caravel ata o acceso ao IES Monte Neme

Venres 17 de novembro do 2017

As obras de reurbanización da travesía de Sísamo recibirán un importante impulso o ano que vén. O alcalde informou na xuntanza do Consello Comarcal de que o proxecto da segunda fase (desde o remate da actual ata o cruce coa rúa Nacente, de acceso ao IES Monte Neme) xa está en mans da Deputación da Coruña para contratalo e executalo o ano que vén, “e ademais pediron xa que se fixera o proxecto da seguinte fase, ata a ponte da autovía, onde xa temos os terreos”, engadiu Evencio Ferrero. O alcalde agarda que esa terceira fase tamén poida contratarse no 2018, polo que para o 2019 quedaría pendente o último treito. Neste tramo hai máis dificultades, tanto polos estreitamentos puntuais da vía como pola necesidade de dispoñer dos terreos, polo que o obxectivo agora é conseguir as cesións precisas nunha das marxes de maneira que se poida construír unha beirarrúa ou unha senda similar á que se está facendo en Bértoa. 

Os veciños e veciñas de Sísamo quixeron deixar ben claro que o arranxo da travesía, que incluirá a instalación de todos os servizos, é a prioridade para a parroquia. Os representantes dos grupos municipais coincidiron na importancia da obra.

No último consello parroquial deste ano tamén se abordaron outras cuestións. Con respecto aos saneamentos de Figueroa e Outeiro o alcalde apuntou que o Concello de Carballo intentará acometelos o ano que vén con cargo ao superávit; sobre a construción do almacén no local social, Evencio Ferrero anunciou que as obras empezarán a semana que vén, e en relación aos novos proxectos de pavimentación con aglomerado e cemento dixo que están en fase de elaboración.

Os/as representantes veciñais insistiron na solicitude de derrubo dunha caseta no Espiño, propiedade da Xunta, que funcionou como centro de inseminación hai anos. Así mesmo, quedaron emprazados para principios da semana que vén co obxectivo de marcar os puntos nos que é preciso renovar a sinalización. E volveron a lamentar que a falta de colaboración dun dos propietarios impida abrir unha vía por detrás do Pazo do Souto e mesmo ampliar o aparcamento na contorna da igrexa.

Novas iniciativas

O Consello Parroquial presentou este xoves dúas iniciativas novas. Por unha banda, unha proposta para conectar as traídas de auga de Carballo e Sísamo e, por outra, a ampliación do centro social. En ámbolos casos o alcalde contestou que son cuestións que deben estudar con detalle os servizos técnicos.

Compartir: