Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O Consello Parroquial de Vilela pon sobre a mesa unha proposta de ampliación do local social

Evencio Ferrero informou de que xa hai acordo para a cesión da parcela do Pombal para convertela en espazo público

Sábado 12 de maio do 2018

O Consello Parroquial de Vilela reuniuse o venres 11

O Consello Parroquial de Vilela reuniuse o venres 11

Unha das numerosas satisfaccións que nos ten dado o proceso de constitución dos consellos parroquiais é o dinamismo que xeran nas parroquias. Hai casos especialmente rechamantes, coma o de Vilela, que non só conta co consello máis numeroso dos 16 existentes tras a fusión de Noicela e Rebordelos, senón tamén cunha asociación veciñal que conta xa con 99 socios/as, segundo informaron na xuntanza deste venres. E se na primeira reunión o obxectivo prioritario foi o acondicionamento da antiga escola para usala coma sede, agora o local xa empeza a quedar pequeno e nesta última reunión puxeron sobre a mesa unha proposta de ampliación.

O alcalde lembrou que unha das peticións do Consello Parroquial foi a reapertura da escola, e que así se lle trasladou ao xefe territorial da Consellería de Educación. Desde a Xunta, en principio, non consideran viable a proposta, polo que, se o edificio continúa sendo local social, “haberá que ver as necesidades”, dixo. Evencio Ferrero pediu á veciñanza que elabore un listado de necesidades para poder valoralas desde o Concello.

Tamén informou de que, tal como se acordara na xuntanza anterior, o Concello púxose en contacto coa propiedade da parcela na que se sitúa o Pombal, xunto á igrexa de San Miguel, coa intención de coñecer a dispoñibilidade de cesión. “A propiedade segue mantendo o compromiso de ceder gratuítamente a parcela”, manifestou o alcalde, pero antes dese trámite é preciso realizar unha modificación urbanística “que tardará ano e medio como mínimo”. Este tempo aproveitarase para ver, en coordinación co Consello Parroquial, o tipo de uso público que se lle quere dar.

Na xuntanza deste venres tamén se falou sobre a reposición de puntos de luz, fallos no sinal de televisión, melloras viarias, limpeza de fontes e recollida de lixo. Ademais, a veciñanza amosou moito interese polos proxectos de saneamento. O alcalde explicou que nos orzamentos do ano 2019 está previsto incluír a rede de abastecemento de auga ás parroquias de Vilela, Noicela, Lema e Rebordelos, pero que en todo caso a veciñanza poderá decidir se considera prioritario un tipo de actuación ou outro.

Compartir: