Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O Consello Parroquial de Ardaña establece as prioridades de investimento de cara aos vindeiros orzamentos municipais

A construción de beirarrúas nas estrada xeral e a extensión das redes de auga e saneamento son os próximos obxectivos a conseguir

Venres 1 de xuño do 2018

Agora que xa está asinado o contrato para a reparación integral da rede viaria secundaria e que este mesmo luns saíu adiante no pleno o proxecto para pavimentar o campo da festa e o acceso ao cemiterio e soterrar o cableado, que será financiado con cargo ao superávit do 2017, a veciñanza de Ardaña estableceu no Consello Parroquial celebrado este xoves as prioridades de cara aos vindeiros orzamentos municipais.

Os veciños e veciñas consideran que hai tres obras fundamentais: a ampliación das beirarrúas ao longo da estrada de Santiago ata Barís, a extensión da rede de saneamento en Vivente e a traída de auga a Quintáns. O Concello de Carballo, segundo explicou o alcalde, conta xa cunha memoria valorada da primeira actuación, que acadaría os 170.000 euros, pero Evencio Ferrero deixou en mans da veciñanza a decisión sobre a orde na que serán acometidas, xa que “todo a un tempo non pode ser”. A decisión adoptarase en asemblea veciñal e comunicarase na vindeira xuntanza do Consello Parroquial, fixada para o 10 de outubro, para que o proxecto elixido poida incluírse nos orzamentos do 2019.

Na xuntanza deste xoves, á que asistiron Marcos Trigo, do BNG; Estefanía Canosa, de TeGa, e Cristian Puente, do PP, en representación dos grupos da corporación, tamén se fixo un repaso a outras actuacións menores demandadas pola poboación, entre elas a ampliación dos contedores para recollida selectiva, a tala dunhas tullas que impiden a visibilidade, a limpeza da fonte de San Gregorio ou a mellora da accesibilidade á fonte de Estévez. A veciñanza tamén pediu que a limpeza de cunetas que vai incluída no proxecto de mellora das pistas se realice antes das festas e solicitou información sobre a tala de árbores e a limpeza de montes para a prevención de incendios.

Compartir: