Inicio Áreas Cultura San Xoán 2016 Novas A orquestra El Combo Dominicano...

NA PRAZA DO CONCELLO A PARTIR DAS 23.30 HORAS

A orquestra El Combo Dominicano actuará o 11 de xuño en Carballo como anticipo das festas de San Xoán

Sábado 14 de maio do 2016

El Combo Dominicano

El Combo Dominicano

O ambiente de San Xoán estenderase este ano a todo o mes de xuño e mesmo aos primeiros días do mes seguinte, tras a decisión da comisión de trasladar a Festa do Bosque ao primeiro domingo de xullo. O venres 17, na fin de semana previa á semana grande de Carballo, celebrarase o Rockin’, o festival máis alternativo do San Xoán. Pero o Concello de Carballo, a proposta dun grupo de empresarios dos sectores da hostalería e a distribución, quere reforzar aínda máis o ambiente festivo característico do mes de xuño coa actuación da orquestra El Combo Dominicano o sábado 11 de xuño na Praza do Concello.

O obxectivo desta actuación, promovida polo sector da hostalería, é contribuír a revitalizar o lecer nocturno dos sábados pola noite

O Concello de Carballo decidiu aproveitar a oportunidade de contar nesa data concreta cunha das orquestras máis demandadas nos últimos anos polos afeccionados ás verbenas e que actuou por última vez na Praza do Concello no San Xoán do 2011. Coa actuación de El Combo Dominicano tanto o goberno municipal como os sectores da hostalería e a distribución pretenden contribuír á revitalización da hostalería nocturna e a paliar a perda de tirón dos sábados noite. O espectáculo arrancará ás 22.30 horas coa actuación dun dj. A actuación de El Combo Dominicano comezará ás 23.30 e prolongarase ata as 03.30 horas, cun descanso que será animado polo dj.

Rock, pop latino, ou folk nas actuacións do San Xoán

Dende o Concello de Carballo agárdase que a presenza da popular orquestra reforce o atractivo da vila como punto de encontro de milleiros de persoas e supoña un revulsivo para o sector da hostalería. El Combo Dominicano será a primeira dunha serie de grandes orquestras que pasarán pola Praza do Concello de Carballo ao longo do mes de xuño, coincidindo coas festas de San Xoán. A oferta musical incluirá outros moitos estilos, como o rock máis alternativo do Rockin’, o pop latino de Carlos Baute, o folk galego, as bandas de música tradicionais e algunha sorpresa máis.

Compartir: