NO PALCO DA PRAZA DO CONCELLO A PARTIR DAS 17.00 H.
Nove agrupacións de toda Galicia participan o sábado 18 de xuño no I Concurso de Baile Tradicional Nemeth
Luns 13 de xuño do 2016
Un momento da rolda de prensa
Dous grupos da AC Xacarandaina de A Coruña, e un grupo da AC Santa María de Torás da Laracha, da AC Xaíñas de Xove de Lugo, da AC Retranqueiros de Ames, da AF Ximiela de Louro (Muros), da AC San Pedro de Carcacia (Padrón), da AC Adro de Baio (Zas) e da AC Xeitura de Esteiro (Muros) participan no I Concurso de Baile Tradicional que organiza a Asociación Cultural Nemeth coa colaboración do Concello de Carballo. Todos eles ofrecerán o mellor do seu traballo o sábado 18 de xuño a partir das 17.00 horas na Praza do Concello (en caso de choiva no Pazo da Cultura) ante todos os veciños e veciñas que queiran gozar do espectáculo.
O concurso repartirá 1.000 euros en premios entre os tres primeiros clasificados ademais dun detalle como recordo
Trátase da primeira edición desta cita que, tanto o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, como o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, esperan que sexa a primeira de moitas. Segundo explica a presidenta da AC Nemeth, María Teresa García, repartiranse 1.000 euros en premios, con 500 euros para o primeiro clasificado, 300 para o segundo e 200 para o terceiro. Ademais, os tres primeiros clasificados tamén recibirán un agasallo conmemorativo.
Xurado de persoas relacionadas co baile
O xurado estará composto por persoas relacionadas co mundo do baile tradicional como Carlos Collazo, Belén Mato, profesora de baile tradicional en Berdillo, e Mar Suárez, da Asociación Cultural Raigañas de Malpica. O secretario de Nemeth, Hadrián García, explica que se valorará o traballo de recollida para poñer en valor o patrimonio etnográfico da música e baile tradicional, así como que as agrupacións leven un vestiario auténtico ou que exista unha boa orquestración entre música e baile.
Todos os grupos participantes están formados por persoas maiores de 16 anos e poderán bailar un máximo de cinco minutos por peza, cun mínimo de catro parellas enriba do escenario e achegando os seus propios gaiteiros, pandereteiras ou charanga tradicional, xa que non se permite a música "enlatada". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou a "grande cantidade de xente que está visitando Carballo estes días" e agradeceu o labor de Nemeth para que "o baile que nos identifica como galegos e galegas tamén teña unha referencia entre nós".