28/07/2010 Os participantes no proxecto europeo 'Participando: os concellos e a mocidade', financiado polo programa europeo 'Xuventude en Acción', que ten como obxectivo fomentar a participación activa dos mozos e mozas na vida da súa comunidade local, e que reúne a 24 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos do Concello de Carballo e dos concellos italianos de Turín e Tortona, asistiron ao primeiro encontro que se celebrou nestas cidades italianas do 13 ao 17 de xullo. Os integrantes do proxecto tomaron parte nun seminario e nunha serie de visitas aos principais centros de participación da xuventude nestes dous concellos do norte de Italia. O programa comezou en Turín, cunha visita ao InformaGiovani da cidade (na foto), que é o máis antigo de Europa despois do de París con máis de trinta e tres anos de actividade. Pola súa banda, a expedición carballesa, acollerá no mes de setembro aos participantes italianos para o desenvolvemento da segunda parte do proxecto.
Este ano Turín é a capital europea da xuventude, o cal mostra a transcendencia e importancia que ten a participación xuvenil nesta cidade italiana. A delegación carballesa tamén visitou varios centros de protagonismo xuvenil na cidade de Turín, así como o Centro OFF e o Consello Municipal da Xuventude en Tortona. A valoración do encontro foi moi positiva e os concellos participantes esperan que este partenariado poida consolidarse para levar a cabo futuros proxectos no ámbito da mocidade. En canto ás actividades previstas, ademais dous dous intercambios entre Turín e Tortona e Carballo, está previsto desenvolver xuntanzas virtuais para a posta en común das experiencias atopadas, cuxas conclusións e boas prácticas serán publicadas ao final do proxecto e establecerase así mesmo unha rede de intercambio virtual, entre os actores involucrados no proxecto para que exista un intercambio regular de información, discusión e formulación de propostas.Buscador:
© Concello de Carballo, 2009