Actualidade

VENRES 30 DE MARZO ÁS 21.00 HORAS

Os Venres Culturais pechan a súa andaina con Teatro do Atlántico e "E.R. (Algún día traballaremos xuntas)"

Os Venres Culturais pechan a súa andaina con Teatro do Atlántico e "E.R. (Algún día traballaremos xuntas)"

28/03/2012 O programa dos Venres Culturais chega á súa fin da man da compañía Teatro do Atlántico que presenta a súa última produción "E.R. (Algún día traballaremos xuntas)", un espectáculo que vén de estar nominado aos Premios María Casares 2011 á mellor adaptación e mellor dirección e que conta, así mesmo, con dúas nominacións á mellor actriz protagonista. Un espectáculo teatral que os amantes do teatro no deben perder a oportunidade de ver. Teatro do Atlántico escolle a tres veteranas actrices galegas de dilatadas carreiras profesoinais xunto a unha máis nova pero tamén de ampla experiencia (Manuela Varela, María Barcala, Luísa Merelas e Susana Dans), para poñer en escea esta obra dun dos dramaturgos de referencia do teatro catalán contemporáneo Josep María Benet, que foi Premio Nacional de Literatura Dramática en 1994 con este texto. Esta compañía galega acada con este espectáculo a súa produción número vinte e sete, sendo unha das compañías máis consolidadas do panorama teatral galego. A cita é no auditorio do Pazo da Cultura a partires das 21.00 horas. A duración prevista do espectáculo é de 110 minutos e o prezo da entrada de 3,5 € (2,5 € con desconto).

Respecto do argumento, na procura de información sobre a personaxe que deberá interpretar, unha estudante de arte dramática visita a tres veteranas actrices que na súa xuventude foran discípulas da actriz e mestra xa desaparecida Encarna Ribera. Cada unha posúe a súa verdade sobre E.R. e o sucedido ao redor dela. A envexa e o rancor transitan coa tenrura e o afecto completando esas tres verdades nunha historia na que tamén están presentes o medo ao paso do tempo, ao fracaso ou á soidade. Unha historia con sorpresas que nos atrapará a medida que os acontecementos a complican. Un espectáculo conmovedor sobre tres mulleres que tomaron camiños diferentes en función das súas diferentes maneiras de entender a vida e a arte. Teatro do Atlántico contitúese no ano 1985. Os seus espectáculos represéntase fundamentalmente por toda Galicia, realizando tamén xiras por case todas as autonomías do Estado español, con participación en numerosos festivais nacionais e internacionais de teatro, empregando sempre a língua galega. Coa produción de" Memoria de Helena e María", de Roberto Salgueiro, a compañía celebra o seu XXV aniversario e da comezo á súa XXVI temporada. "E.R. (Algún día traballaremos xuntas)" foi estreada no Pazo da Cultura de Narón en outubro de 2011.

Volver

© Concello de Carballo, 2009