Baobab Teatro ofrecerá un espectáculo infantil cargado de tenrura e simbolismo
Domingo 10 de febreiro do 2019 18:00 horas - Auditorio Pazo da Cultura
Dentro da programación dos Venres Culturais chega unha nova cita co teatro. E, nesta ocasión, a compañía Baobab Teatro será a encargada de poñer sobre o escenario un espectáculo infantil, titulado Pum, Pum!, cheo de tenrura, sensibilidade e moito simbolismo, no que a música en directo e os monicreques serán os protagonistas.
Tras ser seleccionada e representada na Mostra de Artes Escénicas de Galicia, Pum, Pum! foi elixida entre máis de 1.000 propostas a nivel internacional na XX Feria de Teatro de Castilla y León – Ciudad Rodrigo 2017, onde a compañía xa obtivera dous anos antes o "Premio ao mellor espectáculo infantil" por outra obra titulada Luppo.
Sinopse: Marieta é coma calquera outra nena de cinco anos. Está rodeada de portas, portas que se abren e contan historias, historias que teñen música e cantan. Pero Marieta ten unha porta que garda un segredo. Un segredo que nunca contou e que ninguén escoitou.
Este tenro e divertido espectáculo fala de historias que lles pasan aos máis cativos, e trata tamén con moita sensibilidade un tema delicado como os abusos na infancia, transmitindo unha mensaxe clara: ninguén pode obrigarnos a facer cousas que non queremos.
Intérpretes: Davide González e Andrea Bayer / Deseño de iluminación: Daniel Abalo / Música orixinal: Davide González / Música nana: Elena Paz / Títeres: Óscar Ferreira e José Manuel Vidal / Texto: Andrea Bayer / Escenografía e dirección: Óscar Ferreira.
Público: A partir de 4 anos
Entrada: 3 € / 2 €
Duración: 50 min
Organiza: Concellaría de Cultura
Rede Galega de Teatros e Auditorios