Yllana abre a 25 edición do FIOT cun prólogo cheo de humor
Venres 23 de setembro do 2016 Pazo da Cultura - 21.00 h.
Que mellor prólogo para a 25 edición do FIOT que o que ofrece unha das compañías máis queridas polos fioteiros e que tamén celebra o seu 25 aniversario? Por novena vez Yllana volve a Carballo, onde xa gozamos dos seus traballos máis importantes, recompensándoos en tres ocasións co Premio do Público. Desta volta representan Yllana 25, que reúne nun mesmo espectáculo os mellores gags da compañía, nun repaso cos máis destacados momentos da súa traxectoria.
Creatividade, humor negro sen palabras e un toque gamberro son as marcas que identifican a Yllana, referente nacional do humor xestual que fará estoupar a comicidade cun ritmo trepidante. Na súa traxectoria, vinte e cinco espectáculos, máis de 2000 representacións en 30 países, preto de 2.000.000 de espectadores e multitude de premios, entre eles dous Max.
Let’s rock! Let’s Yllana!