Big Band

Big Band

Big Band

A Big Band do Conservatorio de Carballo é un dos logros do centro xa dende os seus inicios no ano 1993. Cun estilo musical propio dos anos corenta e cincuenta, o seu primeiro director foi o mestre Marcial Figueroa, profesor de corda e vento metal.

No ano 2005 collía a batuta o mestre Miguel Suárez, docente no CMUS de Carballo na especialidade de guitarra. Mantivo a mesma línea de traballo pero cun repertorio propio da época dos sesenta e setenta, avanzando deste xeito no camiño musical cos seus propios arranxos e dándolle una personalidade propia á banda.

Dende o ano 2015 está dirixida por Javier Bardanca, que nos achega un repertorio máis fresco e os alegres ritmos da música latina con temas máis actuais arranxados para esta formación.

A xuventude da Big Band non é obstáculo para que sexa unha formación das que máis gozan os amantes da música de Carballo e toda comarca de Bergantiños e Costa da Morte nos seus habituais concertos no Pazo da Cultura, no pregón das festas de San Xoán e noutras colaboracións e intercambios con outros concellos.

A Big Band xa ten dous cedés gravados e participou no programa Luar da TVG, no que presentou un dos seus discos, e tamén en distintos certames e concursos musicais. Ademais, ten realizado numerosas actuacións ao longo de toda Galicia.

Nos últimos concertos contou con colaboracións de cantantes moi recoñecidos/as no mundo das orquestras populares de Galicia como Sito Sedes, Noli González e Alejandra Pais (Los Satélites), Maria Jesús Fraga e Martín Carrión (Trébol), Jenifer Cambon, ex-alumna do CMUS e finalista dos Recantos de Luar, e tamén alumnos/as que están a cursar nestes momentos os seus estudos no Cmus como son Martin e Aroa Ordóñez e Samuel Quiroga.

O Concello de Carballo levou a cabo un importante esforzo para poñer este recurso a disposición dos nenos e nenas e tamén ás persoas adultas teñen interese en completar a súa educación e formación musical de calidade, consolidando e ampliando a oferta do Conservatorio Profesional de Música de Carballo, no que se reúnen tanto estudantes do municipio como de toda a comarca de Bergantiños e da Costa da Morte.

Este traballo estase a ver recompensado cos resultados que están obtendo músicos formados nesta institución, moitos deles integrados nas formacións musicais de diferente estilos que cada vez máis enriquecen a vida cultural do noso entorno.

Compartir: