Visita a exposición "Alberto Gende. Encher o baleiro"
Do venres 11 de marzo ata o luns 11 de abril do 2022 17.00 a 21.00 horas - Pazo da Cultura
Había ben tempo que non podiamos asistir a un acto cultural tan multitudinario coma a inauguración da exposición Alberto Gende. Encher o baleiro, pero a situación sanitaria por fin o permite e o certo é que a ocasión pagaba moitísimo a pena. Porque, coincidindo co seu décimo cabodano, Alberto Gende volveu a estar entre nós a través da exposición e do libro que recollen a súa obra, das palabras que lle dedicaron o seu irmán Juan Félix; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; estivo presente a través da música de Chicharrón e Rosalía Fernández Rial, e das lembranzas dos familiares e amigos que encheron a sala que leva o seu nome.
Os beneficios da venda da primeira edición do libro, practicamente esgotado onte, destinaranse á xunta local da Asociación Española contra o Cancro, que tamén estivo representada no acto.
Se non puideches estar na inauguración, aproveita que a exposición estará aberta ata o 11 de abril e non deixes de visitala. O horario de apertura é de 17.00 a 21.00.
A exposición é unha retrospectiva da súa obra ao longo de 25 anos, pero tamén un percorrido por unha vida ligada á beleza do traballo que o converteu nun creador imprescindible para entender a cultura carballesa recente. Gran parte dese material está recollido no libro que tamén se presenta na inauguración da mostra, na que se exhiben cadros, deseños, fotografías, libros e obxectos persoais que axudan a comprender a figura humana e artística de Alberto.