Un total de 1.350 persoas utilizan cada semana as tres bibliotecas municipais
Os diferentes conceptos de cada un dos edificios permite que usuarios/as de todas as idades e coas máis diversas inquedanzas culturais poidan atopar un espazo á súa medida
Luns 23 de xaneiro do 2017 Cultura
![Biblioteca do Museo Biblioteca do Museo](../media/img/biblioteca-carballo-antigo-carcere-1024px-v2.jpg)
Biblioteca do Museo
Temos case 50.000 motivos para achegarnos ata as bibliotecas municipais de Carballo, un por cada exemplar de libros, cómics, discos, videoxogos, xornais, revistas, películas... que poñemos a disposición de todo o mundo na ludoteca e nas bibliotecas do Museo e o Rego da Balsa. Exactamente eran 49.872 a 31 de decembro do 2016, pero as cifras, que podedes consultar ao detalle no cadro adxunto, continúan en aumento.
A biblioteca do Museo acumula a maior parte dos fondos, 32.588, mentres que a Rego da Balsa acolle a práctica totalidade das actividades de promoción cultural que se desenvolven ao longo do ano: 129 das 134 realizadas no 2016. Estas cifras son o reflexo das diferentes concepcións que teñen as nosas bibliotecas: unha máis clásica, cun impresionante fondo bibliográfico e un ambiente pensado para a concentración e o estudo, e outra máis moderna, cun fondo moito máis variado en canto a formatos e un ambiente máis lúdico e menos silencioso. E o complemento de ámbalas dúas é a ludoteca infantil, situada nas antigas escolas do xardín, un amplo espazo de xogos e lectura integrado por 1.862 exemplares específicos para os seus usuarios e usuarias, que son nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade.
![Biblioteca Rego da Balsa Biblioteca Rego da Balsa](../media/img/Biblioteca-Publica-Municipal-Rego-da-Balsa-Carballo-1024px-4.jpg)
Biblioteca Rego da Balsa
Na ludoteca infantil, que abre de luns a vernes de 17.30 a 19.30 horas, hai unha media de 100 usuarios/á semana. A Biblioteca do Museo é a que ten maior número de persoas inscritas, 4.294 fronte ás 3.616 da Rego da Balsa, pero é nesta na que se produce o maior incremento e onde tamén se rexistra a maior afluencia, con 1.000 persoas á semana. Os usuarios e usuarias semanais na Biblioteca do Museo acadaron o ano pasado unha media de 250. Isto significa que cada semana visitan estas tres instalacións culturais un total de 1.350 persoas, e o mellor de todo é que entre elas atopamos persoas de todas as idades, dende os bebés ata os maiores, todas poden desfrutar dun espazo á súa medida.
Horarios
O ano 2016 marcou, así mesmo, un cambio de horarios nas dúas bibliotecas. Agora a Rego da Balsa abre de luns a vernes de 10.30 a 20.30 horas, e os sábados de 10.00 a 13, e na Biblioteca do Museo o horario tamén é ininterrompido de 09.30 a 20.00, de luns a venres.
As cifras de público en cada un destes espazos están relacionadas con varios factores, entre eles os préstamos realizados, que foron máis de 12.000 na Biblioteca Rego da Balsa e algo máis de 3.700 na do Museo, pero tamén teñen que ver coas propias características das instalacións en canto á oferta de postos de lectura e equipos multimedia, moi superior na nova biblio. Este novo concepto, que vai parello a unha ampla oferta de obradoiros, actuacións teatrais, concertos, presentacións literarias e un amplo etcétera de actividades, converte a Biblioteca Rego da Balsa nun fervedoiro cultural interxeracional. Por certo que moi pronto sairá á rúa o programa para estes primeiros meses do ano. Permanecede atentos e atentas!