Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

Volve “Primavera enDanza” con catro grandes espectáculos e un amplo programa de actividades complementarias

A presenza da compañía vasca Kukai coa montaxe “Oskara” reafirma a posición do noso concello na vangarda das artes escénicas

Venres 7 de abril do 2017

Primavera enDanza chega á décimo quinta edición e celébrao cunha, outra vez, destacada programación para todos os públicos na que é especial protagonista a montaxe Oskara, da compañía vasca Kukai. O Concello de Carballo e a Concellería de Cultura, con quen colaboran a Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e a Xunta de Galicia, apostan un ano máis por unha disciplina artística que, malia súa gran capacidade de creación e innovación e repercusión nas artes escénicas contemporáneas, conta con escasa presencia nos escenarios galegos.

Catro serán os espectáculos que se poderán ver no Pazo da Cultura, nos que a danza dialogará co folclore e a vangarda, coa música, coas acrobacias, co mundo audiovisual e coa narrativa teatral. As novas linguaxes escénicas, as emocións e o universo feminino será os principais elementos das catro propostas que vos achegamos.

Volveremos apostar por espazos para a interacción entre artistas e público, en especial polos encontros ao remate de cada función, polas presentacións das coreografías en diferentes lugares públicos e polos obradoiros de danza contemporánea específicos para distintos espectadores.

As entradas (entre 3 e 4 euros) despacharanse na billeteira do Pazo desde unha hora e media antes de cada función. A partir do 10 de abril poderán reservarse (cun límite de catro por persoa) no teléfono 981 704 300 ou na Concellaría de Cultura (no Pazo). Aplicaranse os descontos habituais: a maiores de 60 anos, a menores de 12 e a mozos con carné de estudante.

Os espectáculos

O espectáculo que abrirá o ciclo, o venres 21 de abril, ás 21.00 horas, para público adulto, é Ensaio de amor”, da compañía galega de Nuria Sotelo: unha peza que, a través da música, a plasticidade dos corpos, a danza e as palabras aborda o universo feminino e a complicidade dunha nai e a súa filla.

O domingo 23 de abril, ás 18.00, ‘Primavera enDanza’ achégase a toda a familia (maiores de 8 anos). Las tricotouses, dos tamén galegos Emoticores, ten un importante carácter pedagóxico e unha estética accesible, moi visual e atractiva para os cativos.

O venres 28, ás 21.00, será a quenda para a última compañía galega no programa, a de Ánxela Blanco, que bailará Ulises e a nena durmida, un espectáculo inspirado no poema épico A odisea, reinterpretando, por medio dunha unión única de corpos, voces e potentes imaxes que engancha ao espectador, o regreso a casa de Ulises tras a Guerra de Troia.

A estrela do ciclo é, sen dúbida, Oskara, da compañía vasca Kukai Dantza Banaketa. Temos a sorte de poder ver no Pazo, o domingo 7 de maio, ás 21.00, unha montaxe de danza contemporánea única que opta a oito Premios Max das Artes Escénicas e varias veces galardoada en diferentes festivais, creada por dous grandes bailaríns e coreógrafos da escena actual, Jon Maya (Kukai) e Marcos Morau (La Veronal). Oskara, homenaxe á cultura vasca ancestral,  móvese entre a raíz máis popular e expresión máis vangardista e debuxa un percorrido plástico e emocional de símbolos e iconografía desconcertante. Ao remate de cada función celebrarase un encontro dos espectadores con coreógrafos e directores das montaxes para falar do espectáculo e do proceso de creación e para achegar a linguaxe da danza contemporánea ao público.

Actividades complementarias

Os días 18, 19 e 20 de abril a compañía Las Tricotouses impartirán, en horario lectivo, obradoiros de danza nos colexios de Carballo. Ademais, a compañía de Nuria Sotelo presentará o seu espectáculo no IES Alfredo Brañas, ás 13.00. Tamén inauguraremos, no andar -1 do Pazo, a exposición ‘Panóptic@s Téxteis Tradicionais’, do 4 ao 21 de maio, uha iniciativa da AC Argazo e Panos de Aquí. E do 24 ao 29 de maio, dentro da XIII Semana do Libro, poñeremos en marcha unha campaña de animación á lectura.

Presentación

Jacobo Sutil, Evencio Ferrero e Marcos Trigo, na presentación de Primavera enDanza

Jacobo Sutil, Evencio Ferrero e Marcos Trigo, na presentación de Primavera enDanza

A décimo quinta edición de ‘Primavera enDanza’ presentouse hoxe no Pazo nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; e o director do Agadic, Jacobo Sutil. Trigo salientou a importancia que teñen para Carballo as artes escénicas, “xa non só polas compañías e os espectáculos de calidade que chegan ao Pazo, senón pola escaseza no panorama galego de ciclos como ‘Primavera en danza’, consolidado e cunha estabilidade no tempo de xa quince anos”. Sobre o programa explicou que as catro propostas desta edición “combinan un certo grao de risco con outras máis accesibles ao público en xeral”. “Buscamos ademais”, engadiu, “romper con esa imaxe elitista que moita xente ten da danza”.

“Carballo é un exemplo de tratamento da danza dentro das artes escénicas”, asegurou Sutil. “Hai poucos concellos en Galicia que programen danza; Carballo é un dos tres, catro que o fan e eu sempre vos poño como exemplo, porque xa non é que programedes, senón que faces un festival que coida ata o máis mínimo detalle”. O director do Agadic transmitiulle ao Concello os parabéns da Xunta por iniciativas como as dos encontros dos directores das compañías co público “que fomentan a educación en danza dos espectadores”.

“De que todas as artes escénicas teñen que ter o seu protagonismo é bo exemplo o feito de que ‘Primavera enDanza’ leve con nós xa quince anos”, dixo o alcalde. “A percepción do público haina que ir transformándoa pouco a pouco a base de darlle a coñecer espectáculos teatrais, espectáculos de danza, espectáculos musicais... para que todos teñan o seu espazo entre nós e que Carballo sexa un lugar de referencia”. “O presunto elitismo da danza hai que combater a base de programación”, concluíu para rematar convidando a “toda a sociedade da Costa da Morte a que siga demostrando que estas programacións son necesarias e están destinadas a todos os públicos”.

Descargas

Compartir: