Ánxela Blanco reinterpreta “A Odisea” para convertelo nun espectáculo reivindicativo do dereito da muller a decidir sobre o seu corpo
Primavera enDanza volverá mañá venres ao Pazo da Cultura con “Ulises e a nena durmida, segunda travesía”
Xoves 27 de abril do 2017 Cultura
![](../media/img/Estrea_Ulises-2333.jpg)
"Ulises e a nena durmida, segunda travesía" é un espectáculo de danza contemporánea, teatro e visuais dirixido por Ánxela Blanco sobre o poema épico "A Odisea", que narra a viaxe de Ulises, e o seu retorno a Ítaca tras a guerra de Troia. A obra é unha chamada a cuestionar a historia e os mitos, así como as canles polas que son transmitidos. O espectáculo é tamén un berro sobre o dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo ou, como se di durante a obra, o dereito a navegar. Nesta busca de liberdade, o corpo transita os xéneros encarnando e dialogando cos diferentes protagonistas da épica viaxe. É, por tanto, a procura do corpo propio e descolonizado, un intento de darlle voz aos corpos máis silenciados, máis durmidos.
Venres, 28 de abril / 21 horas / Auditorio do Pazo da Cultura / Público: adulto / Entradas: 3 € (2 € con desconto)
A obra comeza coa partida á guerra e co sacrificio dun carneiro na honra da deusa Atenea. Entramos no palacio e descubrimos un Ulises que se prepara para o combate. Un chan de espello e un trono enmarcan un ambiente esmerado. Fóra, na illa, veremos unha escena que cambia ao elevarse unha vela que tamén funciona como un telón. Despois de percorrer a illa, hai unha volta ao palacio, para atopar Penélope e Telémaco, nun tempo lento e delicado como esa longa espera. Veremos tamén a Circe, sensual e inclasificable. A través destes catro corpos, representados por Ánxela Blanco, e coa axuda do carneiro, a obra navega na reinterpretación deste mito. Viviremos esa apaixonante travesía facendo un percorrido desde o mapa oficial ao territorio propio.
A peza é un solo, acompañado de imaxes e de música orixinal composta para a ocasión por referentes do país como Mónica de Nut ou Macarena Montesinos. Atelier efímero deseñou un vestiario versátil e enxeñoso que permite o cambio áxil dunha personaxe a outra, gardando a delicadeza da proposta estética. O telón será soporte de imaxes, unha ventá á paisaxe exterior, ao mar, ao tránsito. Unha colaxe a modo de vídeo poema de Rubén Vilanova completará a narración xunto con outras imaxes inspiradas na guerra de Troia ou na propia illa de Eea, profundando nesta segunda travesía na canle visual como ingrediente escénico.
Ánxela Blanco
![](../media/img/Estrea_Ulises-2297.jpg)
Ánxela Blanco desenvolve a súa traxectoria profesional no estudo de disciplinas e artes relacionadas co corpo como a ximnasia deportiva, o teatro físico ou as acrobacias para crear proxectos multidisciplinares dunha gran beleza artística. Nesta creación escénica independente e autoxestionada traballaron unhas vinte profesionais do ámbito artístico.
A súa creadora, Ánxela Blanco, da Cooperativa Galega Rexenerando, promove actualmente o proxecto expandido da obra “Arte lenta para transformar corpos e comunidades”, cuxo obxectivo é abrir liñas de traballo entorno do corpo naqueles concellos que programen a obra ou teñan interese nas contidos. A través do traballo con adolescentes ou outras comunidades sensibles reflexionarmos sobre o xénero e os mitos, procurando encher os teatros e recuperalos como lugar do colectivo.
Ficha técnica
Dirección, textos e espazo escénico: Ánxela Blanco / Interpretación: Ánxela Blanco / Asistencia de movemento: Andrea Quintana / Asistencia na interpretación: Natalie Schaevers / Música orixinal: Mr. Krah (Iván Rodríguez), Macarena Montesinos, Mónica de Nut, Manuel Fonte e María Move / Iluminación e espazo escénico: Afonso Castro / Visuais: Rubén Vilanova/ Vestiario e arte: Atelier efímero / Técnico en xira: Dani Pais.