Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

O popular presentador de televisión Manel Fuentes chegará o día 17 a Carballo coa súa banda de tributo a Bruce Springsteen

A segunda fin de semana do San Xoán inclúe ademais arte, deporte, bailes de salón e unha festa de presentación do Rockin’ cos DJ Crist Andrade e Jelly Billy

Mércores 14 de xuño do 2017 San Xoán 2017

Manel Fuentes conta que quedou prendado de Bruce Springsteen dende que o viu actuar por primeira vez. O seu foi amor a primeira vista, e dese frechazo, que dura case 30 anos, xurdiu un dos espectáculos que pasarán este ano polo San Xoán. O popular presentador de televisión, recoñecido polo seu traballo en programas como “Tu cara me suena”, de Antena 3, estará en Carballo para compartir con todas e todos nós o seu particular tributo a “The Boss”.

A súa faceta de cantante non é a máis coñecida de Manel Fuentes, pero xa leva máis dunha década en activo coa súa banda, The Spring’s Team, homenaxeando ao cantante norteamericano, do que se declara “fan incondicional”. Quizais porque leva asistido a máis de cen concertos del, Manel Fuentes cada vez se asemella máis a Bruce Springsteen cando sobe ao escenario. Poderemos comprobalo o sábado 17 de xuño, ás 23 horas, na Praza do Concello.

A historia de Manel Fuentes & The Spring’s Team comezou case como un pasatempo hai 14 anos, cando Manel facía o programa “La noche de Fuentes y Cía”. No 2002 ofreceron o seu primeiro concerto na sala Luz de Gas de Barcelona, pero dende aquela a cousa evolucionou moito, e nos últimos anos xa podemos falar dunha banda profesional, con oito músicos á parte de Manel Fuentes, e un repertorio de 70 temas que varían en cada concerto a petición do público, como fai The Boss. Serán dúas horas de espectáculo da man dunha das principais estrelas do entretemento televisivo actual.

Venres

Pero aínda que a primeira deixou o listón moi alto, a segunda fin de semana de San Xoán quere volver a bater récords. 29 artistas participan este ano na exposición colectiva de creadores vinculados a Carballo, unha iniciativa da Concellaría de Cultura na que colabora o colectivo Crea Formas, que aproveitará o acto inaugural (venres 16, ás 20.30 horas) para render homenaxe ao finado Paco Souto.

Este ano as obras  agrúpanse baixo o título “Luscofusco”, que inclúe traballos de Adriana Díaz, Ana García, Antón Díaz, Antonio Reino, Antonio Taracido, Chiña, Cristina Castro, Dami Varela, Esther Chamoso, Eva Facal, Isa Fernández, Jacobo Veiga, Javier Rodríguez, Laura Tova, Lola Oviedo, Manuel Eirín, María Marticorena, Milagros Cotelo, Mon Lendoiro, O' Mighelo, Oti Fernández, Pedro Tasende, Peter Kramer, Raúl Herrera, Risé, Santi Picos, Teresa Candal e como artistas convidados Peter Schneider e Viki Rivadulla.

Despois da exposición, os/as sanxoaneiros/as temos unha segunda cita musical. O venres ás 22.30 horas celébrase a festa de presentación do Festival Rockin’, que este ano medra en grupos, escenarios e datas. A Barra Bar será o escenario dunha noite de música coas actuacións de Dj Crist Andrade e DJ Jelly Billy.

Fin de semana

O deporte estará presente por partida dobre ao longo da fin de semana. O sábado (Praza do Concello, 18.30 horas), cunha Exhibición de Taekwondo ITF organizada pola ACD Narani, e na que, ademais do alumnado da escola, participarán Adriana Lista, Rubén Remuiñán, Adrián Torres, Jorge Gago e Pastor Carracedo. E o domingo, na 10K Carballo. A carreira popular organizada polo Concello contará con preto de 2.000 participantes entre todas as categorías. A Praza do Concello será o punto de saída e de chegada das distintas carreiras a partir das 10 horas.

O domingo tamén poderemos ver na Praza do Concello ás caravanas solidarias da Operación Pangono Pangono e, a partir das 21 horas, unha exhibición de bailes de salón deportivo e ritmos latinos organizada pola AXC Arume de Berdillo en colaboración co Club de Baile Azúcar & Swing e do Concello.

Compartir: