As Bibliotecas de Carballo conectan á mocidade coa cultura urbana a través do graffiti e o parkour
Obradoiros, exposicións e presentacións literarias enchen o programa de actividades de verán
Mércores 12 de xullo do 2017 Cultura
![](../media/img/CartelBiblioA4_800X460.jpg)
Despois da Praza dos Libros, as Bibliotecas de Carballo entran de cheo na programación estival cunha programación que trata de conectar ao público xuvenil con manifestacións da cultura urbana como o graffiti ou o parkour.
A Biblioteca Rego da Balsa converterase nun campo de prácticas dirixidas pola Vella Escola Xuvenil, unha entidade centrada na difusión en Galicia das diferentes disciplinas de cultura urbana e que ofrece á xente nova a posibilidade de participar activa e socialmente en distintos proxectos que favorecen o seu desenvolvemento integral mediante a formación, a expresión artística, o ocio activo e a integración social.
O día 27 porán a proba a creatividade dos mozos e mozas de Carballo nun obradoiro de graffiti que se desenvolverá de 11.00 a 12.30, e para o que abre hoxe o prazo de inscrición na propia biblioteca. Pero sen dúbida a actividade máis innovadora será, o venres 28, un taller que permitirá que os rapaces e as rapazas teñan o seu primeiro contacto co parkour, unha actividade que comezou en Francia a finais dos 80 que cultiva a arte do desprazamento, sobre todo por espazos urbanos, de maneira que as persoas que o practican deben moverse dun sitio a outro o máis rápida e fluidamente posible, utilizando unicamente as habilitades do seu corpo e sorteando todo tipo de barreiras. No vídeo que acompaña esta nova veredes algúns exemplos. A seguridade está garantida no obradoiro e o prazo de inscrición abrirá mañá.
Outras propostas
Ademais da parte máis activa, a programación de Bibliotecas Carballo inclúe outras propostas. O vindeiro xoves 20, por exemplo, terá lugar na Biblioteca Rego da Balsa a presentación do libro Poder, dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez de Castro, Señores de Montaos, de Marcos Emilio Amado Casdelo, unha actividade de acceso libre e para todos os públicos.
En agosto estará aberta durante todo o mes unha exposición da Protectora de Carballo contra o abandono animal. E ademais continúa o ciclo de lectura en francés da Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain e a oferta habitual de lecturas, videoxogos... das nosas bibliotecas.