Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

O FIOT conmemora o centenario do pasamento de Pondal coa coprodución “Os fillos do sol”, que pecha o festival

O venres 27, antes da estrea desta nova produción conxunta do FIOT e a compañía Contraproducións, Mónica Caamaño recibirá o galardón de Xograresa de Outono

Mércores 25 de outubro do 2017 Cultura

Festival Internacional Outono de Teatro despídese esta fin de semana coa estrea absoluta de Fillos do sol, a segunda coprodución entre o FIOT e a compañía Contraproducións despois de “O tolleito e Inishmaan”, estreada na pasada edición e que foi a gran triunfadora dos últimos Premios María Casares con cinco galardóns. Pero esta nova conexión entre Carballo e Cándido Pazó, autor e director da obra, supón ademais a achega do FIOT á homenaxe da cultura galega a Eduardo Pondal no centenario da sua morte. “Era unha obriga case territorial, pero tamén cultural, porque Pondal é unha das persoas máis destacadas de Bergantiños e hai que recuperalo para o conxunto da cultura galega”, explicou Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, na presentación de “Fillos do sol”.

Tanto Alberto Sueiro como Belén Pichel, xefa de produción, expresaron o seu desexo de que a colaboración entre o FIOT e Contraproducións permaneza no tempo. Belén Pichel agradeceu a confianza depositada na compañía e amosouse especialmente contenta “por estrear este espectáculo na miña terra e por terme topado nesta aventura con outra carballesa, Alba Bermúdez, coa que estamos encantados e marabillados”.

Alba Bermúdez é, de feito, unha das actrices protagonistas de “Fillos do sol”, que, a medio camiño entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, recrea as dúbidas, medos e insatisfaccións creativas de Eduardo Pondal con relación a “Os Eoas”, o poemario no que traballou durante gran parte da súa vida e que non chegou a publicarse ata case cen anos despois da súa morte.

“Non parecía doado escribir unha peza sobre Pondal”, comezou Cándido Pazó a súa intervención. “Entendín que era un reto, e a verdade é que se non chega a vir de Carballo non creo que dixera que si”. Pero agora “Fillos do sol” non só é unha encarga do FIOT, senón unha “filla” querida por Contraproducións e polo propio Cándido Pazó, que asegurou que “Bergantiños vibra nesta peza”.

O concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, que foi outro dos participantes na presentación desta nova aventura do FIOT, salientou a calidade do equipo de traballo que fixo posible esta coprodución e o seu orgullo porque dese equipo formen parte dúas persoas de Carballo.

“Agora en Carballo tamén temos teatro con forza”, rematou o alcalde, parafraseando ao propio Cándido Pazó. Evencio Ferrero amosou ademais o seu desexo de que iniciativas como esta contribúan a reforzar a identidade de persoas que, como Eduardo Pondal, “temos que seguir descubrindo”.

Xograresa de Outono

O venres ás 21 horas, xusto antes do primeiro pase de “Fillos do sol”, a actriz Mónica Caamaño recibirá o galardón de Xograresa de Outono 2017, que premia a súa intensa e diversa traxectoria en teatro, cine e televisión, e o seu compromiso activo co sector cultural.

Compartir: