O tren de María Fumaça regresa a Carballo para participar na festa da “Inclusón” que organiza Aloumiños
A partir do día 6 estarán á venda as entradas para o espectáculo “Aire”, que chegará o domingo 12 ao Pazo da Cultura
Martes 31 de outubro do 2017
Aloumiños quere repetir a excelente acollida da primeira edición de Inclusón, e por iso na segunda utilizará a mesma fórmula. Desvelárona hoxe Chefa Carballo e Claudia Bajo, representantes da asociación, e para que todo o mundo o saiba tamén o contaron na lingua de signos. Gema Santos, da Asociación Coruñesa de Promoción del Sordo (Acopros), encargouse de facer a tradución, e ademais amosounos como representar unha palabra tan fermosa como aloumiños.
Gema Santos encargouse da tradución á lingua de signos
Inclusón é un espazo de inclusión a través da cultura, onde, como sinalou Chefa Carballo, “todas e todos teñen cabida, teñan ou non teñan discapacidade”. E ese espazo estará aberto o vindeiro día 12 para que todo o mundo poida gozar da presenza do popular tren de María Fumaça na nosa vila.
“Todas e todos, nenos e maiores, deberiamos aplicar a máxima ‘A María Fumaça eu quero subir, cantar e bailar para ser feliz’, porque teríamos un punto de vista máis optimista tanto as familias con rapazas e rapaces con discapacidade como o resto da sociedade”, apuntou a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, que foi outra das participantes no acto de presentación xunto ao concelleiro Deporte e Cultura, Marcos Trigo. Este último agradeceu a iniciativa e o traballo que vén desenvolvendo Aloumiños desde a súa fundación no ano 2015. “Desde entonces hasta ahora lo que intentamos es trabajar en pro de la inclusión”, sinalou Claudia Bajo.
![](../media/img/maria_fumaca.jpeg)
“María Fumaça es un grupo musical que tiene muy inculcado lo que es la inclusión por uno de sus componentes, Rui, un niño con parálisis cerebral y que es el centro del grupo. Por eso creemos que era importante contar con ellos nuevamente”, engadiu Claudia Bajo, que agradeceu ademais a colaboración do Concello de Carballo.
María Fumaça chegará ao Pazo da Cultura o día 12 ás 18 horas. Pero as entradas haberá que compralas antes. Estarán á venda a partir do día 6 a un prezo de 5 euros, e poderán recollerse no local de Aloumiños (Casa da Xuventude) de 10 a 14 horas ou no establecemento El Rincón de María de 17.30 a 20.30.