Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

INFORMAREMOS DE POSIBLES CAMBIOS DERIVADOS DAS CONDICIÓNS METEOROLÓXICAS

Máis de 1.000 quilos de caramelos, carrozas renovadas e novo percorrido para recibir aos Reis Magos

Melchor, Gaspar e Baltasar iniciarán o desfile ás 17.30 horas no CCB-Gadis Híper e rematarán na Praza do Concello, onde haberá animación a partir das 18.30

Xoves 4 de xaneiro do 2018

Na Casa do Concello xa quedou todo preparado hoxe para a visita real

Na Casa do Concello xa quedou todo preparado hoxe para a visita real

En Carballo xa está todo preparado para recibir o venres 5 aos Reis Magos, e, agás que as condicións meteorolóxicas obriguen a realizar algún cambio, do cal informaríamos puntualmente a través das redes sociais e resto de medios ao noso alcance, o plan da visita comezará ás 17.00 horas coa chegada das Súas Maxestades en coches ao Centro Comercial Bergantiños-Gadis Híper, ata onde serán escoltados pola Policía Local e Protección Civil, que serán, ademais, os encargados de que todo o desfile transcurra con seguridade e tranquilidade, e de regular o tráfico ao paso das renovadas carrozas. Antes de subir a elas, Melchor, Gaspar e Baltasar saudarán aos nenos e nenas.

A saída do centro comercial realizarase entre as 17.30 e as 17.45 horas. O percorrido inclúe varios cambios con respecto a anos anteriores, e queda deste xeito: Avenida Ponte da Pedra, Pedra Furada, Xeranios, Orquídea, Avenida das Flores, Poñente, Luís Calvo, Barcelona, Fomento, Río Anllóns, Río Miño, Compostela, A Brea (parada), rúa Berdillo, Sol, Martín Herrera, Alcalde Jacinto Amigo (parada para ir á igrexa), Desiderio Varela, Gran Vía, Vázquez de Parga, Valle-Inclán e Colón, a onde chegarán entre as 19.30 e as 20.00 horas.

Animación na carpa e recepción oficial

Para facer máis levadeira a espera dos Reis Magos, os nenos e nenas que o desexen poderán desfrutar de actividades de animación, obradoiros e xogos na Praza do Concello, desde as 18.30 e ata a chegada da comitiva real. A recepción das Súas Maxestades levarase a cabo na carpa que está instalada diante do Concello, e onde poderán esperar as familias ao abrigo, xa que estará calefactada.

Imaxe da recepción do ano pasado

Imaxe da recepción do ano pasado

Á chegada dos Reis, o alcalde, Evencio Ferrero, en nome de toda a cidadanía de Carballo, recibirá e saudará ás Maxestades Reais, que se dirixirán a todos os asistentes. A continuación, e xa dentro da Casa do Concello, os nenos e nenas poderán achegarse aos Reis e facerlles entrega das cartas en man e realizar as peticións que desexen.

O Concello de Carballo, organizador da cabalgata, conta coa colaboración da Agrupación de Protección Civil de Carballo, Policía Local de Carballo, Brigada Municipal de Obras, Centro Comercial Bergantiños Hiper-GADIS (aportan 600 quilos de caramelos) e Fundación La Caixa (que achega os 450 quilos de caramelos que se repartirán na cabalgata), M. Caeiro SA-Renault, que cede os coches que transportan as carrozas, e Alquileres Reneymar, que colabora cun camión para a cabalgata e os calefactores para a carpa onde se celebrará a recepción.

Recomendacións de seguridade

  • Os distintos servizos encargados da seguridade durante a celebración da Cabalgata dos Reis, Protección Civil e Policia Local, recomendan a todos os pais, nais e asistentes que teñan vixiados en todo momento aos nenos e nenas que acudan a este acto e garden a distancia de seguridade con respecto ás carrozas, e nunca situarse diante das mesmas.
  • Non está permitido achegarse ás carrozas.
  • Prégase tamén aos maiores que faciliten aos nenos as primeiras filas e espazos para que os máis cativos poidan ver mellor aos Reis.
  • Non se debe subir ao mobiliario urbano nin a varandas que poidan ser inestables e perigosas.
  • Advírtese sobre a extrema precaución coas sillas dos bebés, que non sobresaian das liñas do público marcadas polos servizos de seguridade.
  • Non se pode invadir a calzada e débese impedir que os menores entren en zonas delimitadas para o desfile.
  • Débense respectar en todo momento as indicacións sobre as liñas para o público marcadas polos servizos de seguridade, non recoller caramelos próximos ás carrozas, nin na calzada e non utilizar paraugas para recoller caramelos, xa que suponen un perigo engadido para os máis pequenos.
  • En todo momento, débense atender e respectar ás indicacións da organización e servizos de seguridade.
Desde a organización pídese e agradécese a colaboración da cidadanía para o correcto desenvolvemento desta actividade e así poder desfrutar desta tarde tan especial para todos e todas.

Compartir: