Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

Carballo será unha das catro sedes galegas do ciclo itinerante de cine árabe “Amal en Ruta”

O Concello colabora coa Fundación Araguaney-Ponte de Culturas na organización de seis proxeccións de gran calidade cinematográfica e enorme interese social

Mércores 10 de xaneiro do 2018

Ghaleb Jaber Martínez, Evencio Ferrero e Marcos Trigo

Ghaleb Jaber Martínez, Evencio Ferrero e Marcos Trigo

A Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e o Concello de Carballo organizarán a partir da próxima semana o ciclo de cinema árabe Amal en Ruta Carballo 2018, un resumo da última edición da Semana de Cinema Euroárabe Amal, celebrada en outubro de 2017 en Santiago de Compostela. Poderanse ver tres películas de ficción e tres documentais, todas subtituladas en castelán, do 18 ao 27 de xaneiro –xoves, venres e sábados– no Pazo da Cultura e na Biblioteca Rego da Balsa. As sesións comezarán ás 20:30 horas.

Carballo será unha das catro sedes galegas, xunto coas cidades de Ourense, Pontevedra e Lugo, do ciclo itinerante. Hoxe fíxose público o programa nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e Ghaleb Jaber Martínez, director da Semana de Cine AMAL e presidente da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas. “Pareceunos unha proposta moi interesante facer este festival de cine euroárabe, e esperemos que o público de Carballo acolla ben esta iniciativa, que ten un claro interese cinematográfico pero tamén reivindica a relación entre diferentes culturas e diferentes países e reflicte os distintos conflitos que existen entre eles”, subliñou Marcos Trigo.

Dúas culturas semellantes

Jaber Martínez salientou a importancia que ten para a Semana de Cine Amal que Carballo acolla a mostra, “por unha cuestión de principios e de valores”. Na súa intervención apuntou que “a galega e a árabe son dúas culturas moi parecidas na súa forma de ser, na súa organización: xente moi de vila, moi familiar, e por iso nos parecía moi importante reforzar este vínculo. Ademais, a cinematografía é unha linguaxe universal porque fala de emocións e as emocións son iguais en Carballo que en Bagdad: a rapaza que se namora nas rúas de Carballo comparte sentimentos coa rapaza que se namora nas rúas do Iemen”.

Amal en Ruta pretende que o público "poida ter unha visión diferente sobre a cultura árabe que rompa os estereotipos que se teñen en occidente, e ofrecer á cidadanía un cine diferente, de gran calidade", apuntou Jaber Martínez

O presidente da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas explicou que o cine árabe é “moi crítico, moi social, que reflexiona sobre os seus propios problemas para buscarlles unha solución. É tamén un cinema moi diverso, crítico consigo mesmo, moi valente, e onde a presencia das mulleres é case maior que a dos homes”. As seis cintas que se proxectarán en Carballo intentarán conseguir que o público “poida ter unha visión diferente sobre a cultura árabe que rompa os estereotipos que se teñen en occidente; tamén que o Concello de Carballo le ofreza á cidadanía un cine diferente, de gran calidade, sobradamente premiado nos festivais internacionais máis importantes e que se afasta do ámbito comercial; neste sentido cremos que é fundamental que os concellos ofrezan diversidade no audiovisual, así que é moi de agradecer que o Concello de Carballo, moi implicado na cultura audiovisual, acolla Amal en Ruta, porque nos vai ofrecer esa diversidade e a visión dunha cultura que está claramente moi manipulada, por desgracia, nos medios de comunicación”. “Espero –rematou- que a mostra teña unha gran acollida e se poida estender canto máis anos mellor”.

Evencio Ferrero lembrou o interese que o cinema espertou sempre en Carballo. “Na nosa vila disolveuse hai trinta anos un cineclub de moito éxito e que nas semanas de cine era quen de ateigar as salas, e desde aquela vémonos privados de cine social, con esa mensaxe que obriga ás persoas a reflexionar”.

O presidente da Fundación Araguaney e o alcalde

O presidente da Fundación Araguaney e o alcalde

“Nós aínda temos a sorte de contar con salas de cine: en Carballo chegou a haber tres cines en tres localizacións distintas e agora temos cinco salas que levan funcionando case vinte anos”, engadiu Evencio Ferrero. “Creo que era unha obriga para o Concello devolverlle á sociedade carballesa esa necesidade e cubrir un espazo. Nós apostamos polo audiovisual nos nosos formatos: o Carballo Interplay é un festival que arriscou no seu momento pola transmisión das novas plataformas de comunicación audiovisual, como son as webseries, pero tamén é verdade que nos gustaba desde hai tempo a oferta que se facía desde a Fundación Araguaney-Puente de Culturas con respecto ao ciclo Amal, de tanto éxito na cidade onde naceu, Santiago de Compostela. Nós, máis modestamente, tamén queremos ofertarlle a xente non só de Carballo, senón de toda a Costa da Morte, a oportunidade de poder ver un cine que nos complemente e que nos faga ver esas novas realidades. Por iso quero agradecerlle á Fundación Araguaney-Puente de Culturas que se dirixise a nós, e nós recollemos a proposta e agora pedímoslle á sociedade da Costa da Morte que dea respostas a esta magnifica oferta audiovisual”.

As seis películas e documentais que se proxectarán ao longo das vindeiras dúas semanas representan fielmente o lema desta última edición do festival: E ti, por que loitas? Ademais, as cintas supoñen un percorrido polo mellor cinema árabe da actualidade. Podedes descargar o programa detallado máis abaixo.

Descargas



Galería

Compartir: