Cultura

Cultura

- 2024 +
- Decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
30
31
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
culturacarballo@carballo.gal

O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay estrea xornada profesional na súa quinta edición

A quinta edición celebrarase do 4 ao 7 de abril, e o prazo para participar está aberto ata o 18 deste mes de febreiro

Martes 6 de febreiro do 2018 Cultura

O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay estrea xornada profesional na súa quinta edición, que celebrará os días 4, 5, 6 e 7 de abril. Evento pioneiro dende o seu nacemento no 2014 como primeiro festival de webseries do Estado, o CIP mantén unha evolución constante, sempre atento ás novas linguaxes e xeitos de entender a narración e a cultura audiovisual na rede. Así, este certame audiovisual único, tanto no panorama autonómico como no estatal, integrará este ano unha serie de actividades e espazos pensados para conectar a creadores e creadoras coas principais plataformas, produtoras e medios de comunicación que están apostando no Estado polos contidos dixitais de creación propia.

Xa confirmaron a súa presenza no Día PRO do Interplay -o xoves 5 de abril- marcas tan significativas como FLOOXER (Atresmedia), MTMAD (Mediaset), PLAYZ (RTVE Digital), CRTVG ou Playground, entre outras. Tamén virán a Carballo representantes das principais asociacións do sector en Galicia -como o Cluster do Audiovisual, AGAG ou CREA- e directores e directoras e programadores e programadoras de festivais de series dixitais estatais e internacionais, co obxectivo de definir unha terminoloxía común para este tipo de producións. Finalmente, habilitarase un espazo de encontro que fomente o contacto, a través de citas profesionais, entre os creadores e creadoras de series dixitais e as plataformas e produtoras asistentes. As persoas interesadas en participar neste Mercado Profesional deberán acreditarse, de xeito gratuíto, na web do festival, carballointerplay.com.

Últimos días para presentar propostas á sección oficial

As persoas desexen presentar as súas webseries ou proxectos de webserie á sección oficial do Carballo Interplay e optar aos máis de 5.000 euros en premios que repartirá o Festival  teñen que inscribirse antes do 18 de febreiro a través da web www.carballointerplay.com.

As webseries participantes, que deben ser producidas entre os anos 2016 e 2018 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, nacionais ou internacionais. Entre as webseries recibidas, un xurado composto por profesionais do mundo das webseries, do audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector premiará a mellor webebserie, a mellor webserie internacional e a mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría. A escolla do público, pola súa banda, levará 400 euros e trofeo. A mesma contía recibirá a webserie gañadora do premio do xurado novo, que nace nesta quinta edición do festival. Tamén haberá un premio ao mellor guión outorgado por AGAG e un premio á mellor dirección outorgado por CREA, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor.

Ademais, o Carballo Interplay ofrecerá de novo un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego. Non hai ningún tipo de restrición de temática, de xénero, de estilo ou de persoas destinatarias, simplemente deben ser creacións audiovisuais pensadas para seren publicadas e difundidas a través de internet e mediante capítulos, episodios ou partes (como mínimo tres). O galardón resolverase cun pitching en directo durante o festival e a dotación económica deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da webserie premiada, que se proxectarán na sexta edición do festival.

Compartir: